
A Xunta avaliará a proposta do Concello de Mesía para colaborar na adecuación de distintos camiños do municipio de cara á prevención de incendios. Así llo trasladou o conselleiro do Medio Rural, José González, ao alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, nun encontro de traballo mantido este mediodía no despacho do titular de Medio Rural en Santiago de Compostela, coa presenza tamén do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.
O Concello de Mesía solicitara o arranxo de diferentes camiños na parroquia de Boado. Trataríase da súa adecuación e limpeza, fundamentalmente, co fin de facilitar a anticipación e a prevención dos incendios forestais nestas zonas, que teñen unha clara vocación forestal.
Na xuntanza, o conselleiro comprometeuse a estudar a proposta dende o punto de vista técnico e orzamentario. González asegurou que dende Medio Rural se dá moita importancia á anticipación como eixe fundamental da colaboración interadministrativa ante incendios forestais.
Comments