top of page

Milleiros de persoas celebraron a Primavera no Camiño Inglés



Máis de 3.000 persoas tomaron parte na quinta edición da Primavera no Camiño Inglés, celebrada o domingo na alameda de Góis de Sigüeiro (Oroso). Unha iniciativa organizada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Oroso, para poñer en valor os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.



A inauguración institucional do evento correu da man de Manuel Mirás Franqueira, presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, quen convidou a todas as persoas presentes a “descubrir o Camiño Inglés. Porque fronte á masificación doutras rutas, nós ofrecemos singularidade. Fronte a camiños so por terra, nós contamos cos encantos da costa atlántica e do interior coruñés. Porque fronte a camiños asfaltados, nós conservamos tramos e paraxes como as que descubriron os primeiros peregrinos a Compostela, aló polo século once”.


Neste sentido, destacou que “singularidade, autenticidade, seguridade, calidade, patrimonio, paisaxe, cultura, gastronomía… todo isto conforma o Camiño Inglés e todo isto está presente hoxe en Oroso”. Mirás Franqueira lembrou que esta edición de Primavera no Camiño Inglés se celebra en Oroso porque “se van cumprir os trinta anos dunha reunión do Comité técnico da Asemblea de Alcaldes do Camiño Real. Unha reunión que podemos dicir que foi o berce desta Asociación. Por iso hoxe, case 30 anos despois, é xusto agradecer o traballo realizado polos representantes políticos e traballadores municipais dos 18 municipios presentes hoxe en Oroso, así como o apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia”.

Comments


bottom of page