Un home de 34 anos morreu esta noite nun accidente en Frades. A colisión con outro vehículo deixou outra persoa ferida.Foron os dous únicos implicados no accidente e o ferido foi trasladado en ambulancia ao Hospital Clínico de Santiago.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos a través da Garda Civil de Tráfico ás 21:45 horas do martes. Á súa vez, eles foron alertados por un particular, que lles explicou que dous vehículos chocaran frontalmente na estrada AC-524, ao seu paso pola parroquia de Abellá.
O propio alertador comunicouse pouco despois co 112 Galicia e engadiu que había dous implicados. A situación era grave, e indicaba que un dos condutores podía estar falecido.
Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que ambas persoas estaban atrapadas e que unha delas resultara falecida. Deste xeito, empregaron o seu material de excarceración para liberalas, tralo que o ferido foi evacuado ao hospital compostelán polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Neste operativo colaboraron, ademais dos servizos sanitarios e dos bombeiros, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada.
Comments