Unha muller de 52 anos, veciña de Ordes, faleceu hoxe e un home resultou ferido leve na mesma localidade tras unha colisión entre tres turismos. O accidente produciuse no punto quilométrico 3 da AC-524, ao seu paso por Ordes, arredor das 11:30 horas. Tras excarcerar os Bombeiros á persoa atrapada, os servizos sanitarios só puideron confirmar o seu pasamento. Outra persoa implicada tivo que ser atendida polo 061.
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 informou esta mañá ao 112 Galicia dunha colisión entre tres vehículos, e de que unha das persoas feridas necesitaba ser excarcerada ao non poder abandonar o vehículo polos seus propios medios. Á súa chegada, os efectivos dos Bombeiros de Ordes advertiron a posibilidade de que a persoa atrapada puidese entrar en parada dun momento a outro.
Foi nese momento cando Urxencias de Galicia-061 mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Santiago, aínda que finalmente non foi necesaria a súa intervención, por mor da confirmación do falecemento da persoa.
O 112 tamén informou á Gardia Civil de Tráfico, á Policía Local, a Protección Civil de Ordes e ao servizo de mantemento da estrada.
A Garda Civil informa de que o ferido leve foi evacuado ao hospital de La Rosaleda en Santiago de Compostela e unha terceira persoa resultou ilesa.
Comments