Máis de 350 persoas, veciños e veciñas de Frades de máis de 60 anos, participaron na XXIII Festa dos Nosos Maiores, que tivo lugar o sábado 28 na carballeira de San Nicolao e que estivo presidida polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, á fronte da corporación municipal, e da xefa territorial de Política Social da Xunta de Galicia, María Blanco Aller.
A XXIII Festa dos Nosos Maiores comezou ás 13h cunha misa oficiada polos párrocos Antonio Regueira Sánchez e Manuel Ferreiro Méndez, co grupo Medorra con Troula poñendo a música. Ás 14h, mentres os comensais buscaban os seus asentos, a música correu a cargo do dúo Eva e Camilo. O xantar estivo ofrecido polo restaurante Casa Taboada (Touro) cun menú a base de empanada, polbo á feira, xarrete, sobremesa e café.
Ás 18h deron comezo os xogos populares, algúns feitos con material de refugallo e outros tradicionais aos que xogaban os nosos maiores cando eran cativos (aro, chave...). Paralelamente, celebrouse a tradicional homenaxe ás persoas de máis de 90 anos presentes na festa, unhas distincións que estiveron acompañadas musicalmente polo dúo Eva y Camilo, o grupo folclórico Sarillo (Aiazo -. Frades) e o grupo folclórico Medorra con Troula (Frades).
Roberto Rey sinalou durante o evento que “as persoas maiores merecen máis que nunca este día de celebración despois de dous anos nos que tiveron que pasar por momentos moi duros e con moitas restricións e inquedanzas por mor da pandemia do coronavirus”.
Commentaires