top of page

Novo vehículo para o servizo de protección do ambiente de Ordes e Frades



A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, fixo entrega hoxe dun todocamiño híbrido enchufable e con distintivo ambiental Eco, financiado a través da convocatoria de 2021 do Fondo de Compensación Ambiental e que servirá para o servizo de protección do ambiente compartido polos concellos de Ordes e Frades.


A Xunta investiu este ano 11M€ neste fondo que se destinarán a apoiar 256 iniciativas dos concellos galegos relacionadas co funcionamento de servizos municipais destinados á protección do medio ambiente e do espazo natural.


Natalia Prieto destacou a importancia da colaboración entre administracións e entre os propios concellos para compartir servizos e aforrar custos coma neste servizo compartido entre Ordes e Frades ou nas iniciativas levadas a cabo pola Mancomunidade de Ordes

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá o concello de Ordes, onde fixo entrega dun vehículo para o servizo de protección do ambiente e do espazo natural que este municipio comparte con Frades. A Xunta destinou 35.400 euros á adquisición deste todocamiño híbrido enchufable ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental e tamén aos gastos do seu funcionamento.


O novo vehículo conta con 5 prazas, tracción 4x4, gancho para remolque e con distintivo ambiental ECO, polo que se fomenta o respecto ao medio ambiente coa redución da emisión de gases contaminantes. Natalia Prieto destacou que a Xunta colabora nesta actuación con ambos concellos para proporcionarlle a este servizo o material necesario co que garantir unha prestación máis eficiente. Así, reduciranse os tempos para chegar as zonas de difícil acceso e que o persoal poida levar a cabo o seu traballo de conservación, restauración e protección do medio ambiente e do espazo natural con tódalas garantías.


O Goberno galego financia o mantemento e a dotación de equipamento ao servizo de protección do medio ambiente de Ordes e Frades, a través da convocatoria de 2021 do Fondo de Compensación Ambiental, á que a Xunta destinou un orzamento de 11 millóns de euros. A orde financia este ano 256 actuacións relacionadas, por exemplo, coa adquisición de vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco coma neste caso, a contratación de persoal e equipamento para a protección do medio ambiente, así como melloras no saneamento, o abastecemento de auga ou a recollida de lixo e melloras da eficiencia enerxética no alumeado público ou en instalacións municipais.


Este fondo destínase, de feito, ao funcionamento de servizos municipais destinados á protección do medio ambiente e do espazo natural. Trátase de actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, ao coñecemento e á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e á recuperación do medio natural degradado, así como ao impulso da eficiencia enerxética e á utilización sustentable das enerxías renovables. A Administración autonómica puxo en marcha en 2010 este fondo para distribuír os ingresos do canon eólico, o que permitiu ata agora cofinanciar máis de 2.300 proxectos por un importe de case 105 millóns.


A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, sinalou a importancia da colaboración da Xunta cos concellos para axudarlles a levar a cabo proxectos que, en moitos casos, non poderían levar a cabo en solitario. A Xunta leva investidos máis dun millón de euros en Ordes e case 745.000 euros en Frades para colaborar en proxectos cos que mellorar a calidade de vida dos veciños ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental ou da Orde de Infraestruturas de uso público.


Tamén incidiu na necesidade da cooperación entre os propios municipios compartindo servizos para aforrar custos, da que son un exemplo Ordes e Frades con este servizo ou tamén Frades e Mesía, que teñen solicitado en varias ocasións de forma conxunta axudas do FCA que lle foron concedidas para a mellora, o mantemento e a protección do ambiente e do espazo natural de ambos municipios. Ademais, a Mancomunidade de Ordes, da que forman parte este concello e Frades xunto con Cerdeda, Mesía, Oroso, Trazo e Tordoia, foi recoñecida nas edicións de 2016 e 2018 en distintas categorías dos Premios Coopera por iniciativas conxuntas.

Comentarios


bottom of page