top of page

O alumnado do CEIP do Camiño Inglés imaxinou o futuro no ano 2050



O alumnado do CEIP do Camiño Inglés puxo fin a un curso cheo de propostas para o 2050, logo de investigar o futuro en diversos ámbitos no Proxecto 2050. Un curso enteiro imaxinando un futuro mellor cunha data, o 2050, como punto de mira para que os desexos frutifiquen nunha sociedade máis xusta, igualitaria e ecolóxica cá actual. Aportáronse ideas na maioría de ámbitos: a tecnoloxía, a saúde, a moda, a educación, o medio ambiente, a lingua... Antes que o famoso estudo do Goberno de España.


Preguntouse aos que saben destes temas: científicos, políticos, divulgadores, sanitarios, educadores. Todas as entrevistas pódense escoitar en Radio Ü, a través de Ivoox. Houbo a sorte de poder contar coa testemuña de Fernando Simón ou Jorge Mira, que falaron sobre ciencia, tecnoloxía e saúde. Tamén con Manuel Vila, que disertou sobre a educación no futuro ou con Xoan Galán sobre o papel dos medios de comunicación.


Pero quizais as aportacións máis interesantes foron as que proveñen da imaxinación do alumnado que se plasmaron nos máis diferentes formatos: a través do teatro, dos contos, do xornal; de maneira oral, por escrito, con imaxes, de maneira presencial ou telemática.


Cada grupo presentou as súas propostas en asemblea e quedaron todas recollidas nun taboleiro físico á entrada do centro e nun virtual no que se pode acceder co código QR do proxecto. Como colofón, todas as propostas introducíronse nunha cápsula do tempo que foi enterrada no patio e que ten como destinatarios/as os que convivan no centro no 2050 coa idea de saber se os desexos, intuicións e predicións se fixeron realidade.


O director do centro, Francisco Ávila, destaca o impacto que tivo este proxecto en toda a comunidade e o interesante que foi este exercicio de investigación. “O Proxecto 2050 xorde como continuidade do proxecto do curso pasado, Proxecto Pendeloque co que traballamos sobre o pasado en todas as súas facetas. Na situación actual facer un esforzo por imaxinarnos un futuro distinto e mellor pensabamos que era moi saudable. Gustaríame poñer en valor o gran traballo que fixeron alumnado e profesorado e agradecer a participación de profesionais de primeiro nivel.”

Comments


bottom of page