top of page

O BBVA abonará máis de 80.000 € ao Concello de Tordoia polo cobro indebido de derivados financeiros



O Xulgado de Primeira Instancia Nº3 de Santiago de Compostela vén de condenar ao Banco Bilbao Vizcaya a reintegrar ao Concello de Tordoia a suma de 76.686,97 euros máis os debidos intereses polo cobro indebido de derivados financeiros (ao 3% anual dende o 6 de xullo de 2020). Do mesmo modo, a sentenza declara nula a cláusula 5.2 dos contratos de préstamo que o Concello subscribiu co Banco de Crédito Local, hoxe BBVA.


O alcalde, Toni Pereiro, manifestou a súa satisfacción por esta resolución, se ben entende que se a cláusula foi ilegal na cancelación das operacións de préstamo tamén o debe de ser durante a vida útil dos mesmos.


Nos préstamos, asinados en 2007, o Banco non informou axeitadamente ao Concello. A sentenza considera que a información foi defectuosa no tocante aos derivados financeiros implícitos, xa que nin se explicou o seu funcionamento nin os riscos asociados, como tampouco as repercusións dunha cancelación anticipada. Esta omisión de información supuxo un vicio de consentimento para o Concello. A efectos prácticos, a cancelación supuxo un xuro do 18% para o Concello despois de liquidada a débeda bancaria.


A sentenza estima así parcialmente a demanda interposta polo Concello que deu inicio a un proceso legal no que Xoán Antón Pérez-Lema Avogados e Consultores exerceu a representación da Administración local. Vaise valorar co despacho de avogados Pérez-Lema o posible de recurso da sentenza, ao entender que a indemnización debería ser por un importe superior.

Comments


bottom of page