O BNG de Ordes vén de rexistrar alegacións nas que aprecian un posible fraude na tramitación dos Parques Eólicos Meirama e As Encrobas. Para os nacionalistas, está a fraccionarse en proxectos pequenos un único grande parque eólico. Naturgy Renovables SLU promove ambos proxectos. O parque eólico Meirama conta trece aeroxeradores e unha potencia de 49,4 MW, e o parque eólico As Encrobas con catro aeroxeradores e unha potencia de 20 MW.
Pablo Vidal, portavoz do BNG de Ordes, expón que “tódalas infraestruturas destes dous parques eólicos en tramitación, promovidos por Naturgy Renovables SLU, intégranse nunha área cun radio inferior a 3 km e comparten a mesma subestación para evacuación da enerxía xerada”.
Para Vidal, isto demostra “a clara intención da promotora en fraccionar en proxectos mais pequenos, o que realmente se trata dun parque eólico mais grande cunha potencia total de 69,4 MW, que poderiamos denominar As Encrobas - Meirama”. Segundo o portavoz nacionalista, esta intención responde “ao interese da promotora en que a tramitación sexa efectuada a través da Xunta de Galicia, a cal ten competencia para tramitar parques eólicos de potencia inferior a 50 MW, evitando deste xeito o trámite a través do Goberno do Estado”. Para os nacionalistas, este interese ven motivado polos efectos da Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais en Galicia. Consideran que se trata dunha “lei da depredación”.
O BNG alerta dun “grande impacto paisaxístico debido á altura dos aeroxeradores proxectados, semellante á cheminea de expulsión de gases da Central Térmica de Meirama. Lembran que o Camiño Inglés discorre a unha distancia “inferior a 4 km do parque eólico proposto”.
Os nacionalistas tamén rexeitan a escasa distancia do parque eólico pretendido aos núcleos de poboación existentes na zona. Sinalan que no municipio van verse directamente afectadas ata 400 persoas, residentes entre os 500 metros e os 1,8 km dos parques. O casco urbano do Mesón do Vento está situado, acrecentan, “a escasos 3 km destas infraestruturas”. Para o Bloque os postos de traballo esperados, que serán "dous ou tres postos de traballo estables", non xustifican o "impacto negativo".
Comments