O BNG alegará contra o Parque Eólico Monte Inxerio
- Crónicas da comarca
- 5 nov 2021
- 2 Min. de lectura

O BNG de Ordes anunciou hoxe que alegará contra o proxecto do Parque Eólico Monte Inxerio. O proxecto prevé a instalación de once aeroxeradores no concello de Ordes, cunha potencia total de 38,115 MW.
O parque eólico prevé evacuar enerxía a través da L.A.T. Campelo-Mesón do Vento. A este respecto, o portavoz do BNG de Ordes, Pablo Vidal, sinala que “carece de sentido pretender a evacuación da enerxía a través dunha infraestrutura inexistente, que se atopa aínda en tramitación, e ao mesmo tempo intentar dar a entender que se trata de proxectos independentes”. Para Vidal, “realmente estamos a falar dun macroproxecto formado polos parques eólicos Campelo, Bustelo, Monte Toural, Monte Inxerio,Orzar e Tornado, que comparten a mesma infraestrutura de evacuación de enerxía”. En opinión do edil nacionalista, “este fraccionamento en proxectos mais pequenos, responde a un intento de camuflar o impacto acumulativo e abrigarse ao amparo da lei da depredación cuns trámites moito mais laxos”.
Desde o BNG de Ordes, apuntan que existen “importantes eivas no proxecto, como non analizar os impactos acumulados que producirían outros parques eólicos na contorna, como o de Meirama e As Encrobas, ámbolos dous en tramitación e situados a menos de 5 km do parque eólico Monte Inxerio”. Vidal salienta que “tampouco se ten en conta a proximidade do Vertedoiro da Areosa e de Gesuga, apesares de atoparse a menos de 500 m do parque eólico pretendido”, preguntándose a este respecto “¿Cómo poden afectar as turbulencias xeradas no vento aos cheiros que emanan destas instalacións e a afección que terá sobre os núcleos da contorna?”.
Outro aspecto que destacan os nacionalistas, é que o parque eólico Monte Inxerio pretende implantarse “en terreos dun monte veciñal en man común”. Para o voceiro do bloque, “isto significaría practicamente a súa total destrución, posto que as franxas de xestión de biomasa obrigatorias nas instalacións de enerxía eólica, así como ás esixidas ás liñas eléctricas, resultan incompatibles co impulso e defensa do monte en man común”. Vidal ve incompatible “a aprobación do proxecto coa defensa da figura do monte en man común que a consellería do Medio Rural define como elemento de creación de emprego e xeración de riqueza”.
A afección sobre os núcleos de poboación próximos e o patrimonio, é outra cuestión que preocupa ao BNG de Ordes. Os aeroxeradores terán unha altura en punta de pá entre 180 e 200 m, o que Pablo Vidal compara “coa cheminea de evacuación de gases da Central Térmica de Meirama, elemento inmóbil recoñecible a gran distancia”, advertindo que no caso dos aeroxeradores “o impacto será moito maior ao tratarse de once elementos en movemento”. En palabras do voceiro nacionalista, “o proxecto toma á lixeira a afección sobre o Camiño Inglés, cuxo trazado transcorre a pouco mais de 4 km do parque eólico pretendido”. O bloque alerta que a construción do parque eólico Monte Inxerio “significaría poñer en serio risco de abandono 21 núcleos de poboación situados a menos de 1,5 km do mesmo”.
Comentarios