O BNG de Cerceda critica os novos proxectos eólicos
- Crónicas da comarca
- 5 jun 2023
- 1 Min. de lectura

O BNG de Cerceda fixo público hoxe un comunicado de prensa crítico coa aprobación de tres novos proxectos eólicos no municipio dende a data das eleccións municipais. O máis recentemente publicado no DOG é o de Coto Loureiro. Sinalan os nacionalistas que "durante os últimos quince anos, leváronse a cabo discusións e trámites para explorar o futuro uso do lago das Encrobas e dos seus arredores, co obxectivo de converter este proxecto nunha iniciativa de interese municipal". Consideran "certamente sorprendente" que se levasen a cabo as recentes aprobacións e denuncian que os parques eólicos "atraerán outras industrias que xerarán "preocupación na comunidade", caso das plantas de purín e biogás.
"Convén recordar a experiencia pasada coa planta incineradora de Sogama e recoñecer que o alcalde de Cerceda parece ter unha habilidade especial para atraer industrias e plantas de residuos que, aparentemente, ningún outro concello galego desexa", lamentan os nacionalistas, para quen Cerceda funciona así como "concello sacrificado, o vertedoiro de toda Galicia".
"No escenario político, o PP a nivel autonómico, a través da Xunta de Galicia, promove e impulsa unha serie de industrias, mentres que o PSOE a nivel estatal faino propio con outras plantexadas polo Goberno Central", salientan dende o BNG para reclamarse "única
alternativa para traballar xunto cos veciños e coas asociacións".
Comments