top of page

O BNG de Ordes acusa á alcaldía de "saturar o labor dos funcionarios" dificultando o seu desempeño



O BNG de Ordes opúxose no Pleno municipal de Ordes, celebrado onte á tarde, á Conta Xeral de 2021 do Concello. O portavoz municipal, Pablo Vidal, xustificou esta postura dado que "existiron importantes contías sen executar", caso do mantemento de vías, rozas ou saneamento e abastecemento. Lamenta o portavoz que o Concello deixe "nos bancos estes fondos" no canto de arranxar estradas ou fochancas, levar a cabo unha campaña de rozas nas "cunetas inzadas de maleza" ou espallar redes de abastecemento municipal.


Por outra banda, o portavoz nacionalista acusou ao Goberno local de dupliar o gasto previsto en publicidade e propaganda. Tamén criticou que se mantivesen sete contratos vencidos e se puxesen reparos a 89 facturas por parte da intervención municipal, ademais de informarse da omisión da función interventora coa modificación do contrato das obras na rúa do Muíño. O alcalde, aseguran os nacionalistas, "satura o labor dos funcionarios", o que dificultaría o desempeño das súas funcións.


Dende o BNG tamén criticaron que o IBI teña aumentado de media un 20% para a veciñanza dende 2015.


Por outra banda, os nacionalistas denunciaron a situación da estrada que une o núcleo da Portela coa N-550 logo das obras de pavimentación. A recollida de pluviais conectada á rede de saneamento municipal provoca a emisión de "cheirumes insalubres cara á vía pública" nas proximidades das vivendas, alertan.

No tocante ás propostas, os nacionalistas reclaman, entre outras iniciativas, que o Concello adquira unha carpa para actos e préstamos a agrupacións e comisións. Pablo Vidal sinala que dese modo non se dificultará a realización dun evento por non dispor de carpa nun día de choiva, remitíndose ao acontecido no Festi Ordes a mediados de agosto.

Comentarios


bottom of page