top of page

O BNG de Ordes alega o proxecto do parque eólico de Brancellao



O BNG de Ordes lembrou hoxe que o concello se ve afectado polos tendidos de transporte de enerxía do Parque Eólico de Brancellao. Este proxecto prevé a evacuación da enerxía a través da pretendida SET ICE Mesón do Vento, “unha infraestrutura de nova construción para servir a dez parques eólicos segundo se recoñece no propio proxecto”, apuntan os nacionalistas. A este respecto, o portavoz do BNG de Ordes, Pablo Vidal, sinala que “esta cuestión demostra o fraccionamento en proxectos mais pequenos do que en realidade se trata dun parque eólico moito mais grande, unha estratexia recorrente, que responde a un intento de camuflar o impacto acumulativo do conxunto”.


Desde o BNG de Ordes, apuntan que as inmediacións da Subestación existente no Mesón do Vento, “atópase completamente inzada de liñas eléctricas”. Vidal manifesta que “a construción da nova subestación proposta na zona, propiciaría a implantación de polo menos catro futuras novas liñas eléctricas para a evacuación de enerxía deses dez parques eólicos”, algo que para o voceiro nacionalista supón “novas afeccións e limitacións a numerosas parcelas da zona que xa se atopan enormemente condicionadas na actualidade”.

Desde o bloque lembran que segundo a recentemente aprobada planificación da rede de transporte de electricidade ata o ano 2026, “a nova subestación de Abegondo foi construída co obxecto de evacuar a nova xeración renovable na zona, en concreto os proxectos de xeración eólica”, polo que a este respecto sinalan que “non ten sentido crear unha nova subestación no concello de Ordes”.

Comments


bottom of page