No Pleno ordinario de xuño celebrado o xoves 30, o BNG de Ordes amosou a súa preocupación pola situación da Praza de Abastos, onde en opinión do seu voceiro, Pablo Vidal, “resulta evidente que algo falla nunhas instalacións que deberan de ser o referente na venda de produtos frescos, de proximidade e de calidade, así como un motor económico na vila”. Os nacionalistas preguntaron a este respecto sobre a evolución da ocupación dos postos e as solicitudes formuladas nos últimos anos, así como as medidas adoptadas polo goberno municipal para revitalizar a praza.
A resposta do goberno foi que a ocupación pasou de tres postos a unicamente un, sen producirse novas solicitudes nos últimos anos. No tocante ás medidas adoptadas para a súa revitalización, o alcalde afirmou que foron “moitas”. Para Vidal, resulta inadmisible a situación na que se atopa a praza de abastos, e empraza ao goberno municipal “a abandonar a pasividade e poñerse realmente a traballar para reactivar a praza de abastos”.
Obras e espazos públicos
O BNG cuestionou a planificación das obras nas rúas Víctor González Faya e Mediodía, posto que segundo afirma o seu portavoz, Pablo Vidal, “en varios días coincidiron as dúas rúas pechadas ao tráfico, o que produciu importantes atascos na rúa do Recreo”.
Por outra banda, a fronte nacionalista cuestiona a tubaxe de descarga da rede de pluviais cara o rego da Fraga, posto que “limita o aproveitamento das parcelas que o concello pretende mercar para a ampliación da residencia de maiores”, cuestionando os motivos “de non facer o vertido directamente desde a vía pública na ponte da rúa Mediodía”.
Para Vidal resulta preocupante que “unha actuación desta magnitude, xere problemas na vez de resolvelos”, facendo alusión aos problemas de acceso que padecen vehículos para acceder á rúa Víctor González Faya desde a rúa do Recreo, como resultado das obras levadas a cabo, o que non dubida en achacar a “un mal deseño”, emprazando ao alcalde a corrixir a situación.
Sobre o centro de saúde, o BNG de Ordes demandou do alcalde “instar á Consellería de Sanidade, que execute con urxencia as labores de mantemento nas fachadas”. Os nacionalistas advertiron do perigo que supón “o estado da fachada do edificio, onde xa se produciron varios desprendementos de cascallos, co conseguinte perigo de ferir a persoas que transiten pola zona”.
No anterior pleno, a voceira do goberno municipal afirmou que as obras darían comezo “no mes de xuño”, promesa os nacionalistas non viron cumprida, urxindo a reparar os danos “posto que a fachada presenta varias zonas con risco de caída de novos cascallos, o que representa un autentico perigo para a integridade da veciñanza”.
Comments