top of page

O BNG de Ordes denuncia a falta de dotación de servizos no rural



Desde o BNG de Ordes valoran positivamente a achega de 1.182.117,69 € da Deputación da Coruña, mais lamentan que o alcalde de Ordes esqueza unha vez mais a dotación de servizos de abastecemento de auga ou saneamento ao rural.

Sobre os proxectos propostos polo alcalde, neste caso sen ter solicitado propostas aos grupos da corporación municipal como se viña facendo ata o de agora, o portavoz nacionalista, Pablo Vidal, sinalou que resulta unha “barbaridade” propoñer pavimentar a pista principal da parroquia de Vilamaior que une o límite con Mesía coa AC-524 pasando polo Casal ou pola Armada, ou a pista que une Carballedo coa Rúa en Buscás con rego asfáltico, e ao mesmo tempo propoñer pavimentar con aglomerado en quente ramais interiores con moito menos tránsito e que serven a moitas menos vivendas.

Desde o bloque tamén criticaron o desvío de 383.005,75 € aos presupostos municipais para gasto corrente, posto que non se sabe a que irán destinados, cando con eses fondos era posible acordar neste pleno solucionar carencias da veciñanza como por exemplo estender as redes de saneamento e abastecemento a núcleos como Vilaverde, O Canedo, Darefe ou Outeiro, que se atopan próximos ao seu trazado, ou dotar parroquias como Barbeiros, Bean, Lesta, Parada, Mercurín, Pereira, Vilamaior ou Buscás de servizos básicos municipais dos cales carecen en gran parte, e que o alcalde hoxe novamente deixou “castigadas”.

Estas eivas, provocaron a proposta non recibise o apoio do BNG, optando pola abstención.


Rexeitamento do debate O BNG de Ordes presentou unha moción para o investimento dos 5.223.000 € que o alcalde de Ordes manifestou a finais de ano que Ordes dispoñía en tesourería.


A proposta recollía investir 1.200.000 € para a dotación de redes municipais de saneamento e abastecemento de auga no ámbito rural do concello de Ordes, 400.000 € ao impulso e dinamización do comercio e da hostalería mediante campañas como a levada a cabo no concello de Carballo con bonos onde ademais dos citados sectores, a propia veciñanza obteña beneficios dun xeito equitativo, e 3.000.000 € na adquisición dalgunhas obras que quedaron abandonadas trala crise do sector da construción, para destinar a vivendas de protección oficial para familias con escasos recursos e xente moza que procura a súa primeira vivenda.


O voto en contra da urxencia do PP impediu o seu debate no pleno, algo que segundo Vidal, evidencia a “covardía política” dun alcalde de Ordes cuxa “arrogancia” impide atender ou solucionar os problemas da veciñanza.

留言


bottom of page