top of page

O BNG de Ordes pide acometer urxentemente o mantemento do parque Félix Rodríguez de la Fuente



O BNG de Ordes defendeu no pleno deste mes unha moción onde demandaba ao Goberno español e á Xunta de Galicia a adopción dunha serie de medidas para mitigar o impacto da suba da inflación na sociedade e na economía galegas. Entre as diversas medidas destacan, “a intervención do Estado no sector enerxético para controlar os prezos da luz e do gas, o impulso dunha tarifa eléctrica galega, a baixada do IVE en alimentos básicos, produtos do mar, hixiene persoal e feminina, transporte público, electricidade e gas, a revisión dos principais impostos para que pague mais quen mais ten, redistribuíndo a riqueza”. A proposta foi rexeitada cos votos en contra do PP.


Do mesmo modo, o BNG instou ao alcalde a “acometer de xeito urxente, as operacións necesarias para a axeitada conservación, ou reposición de ser o caso, dos xogos existentes no parque municipal “Félix Rodríguez de la Fuente”. Os nacionalistas denunciaron que “os xogos amosan un acusado deterioro, chegando ata o punto de ser precintados ou mesmo retirados”.


Outras iniciativas defendidas polo BNG foron incluír o antigo local da Cruz Vermella rehabilitado a vivenda na oferta galega de prazas de acollida para persoas refuxiadas de guerra na Ucraína, a limpeza e mantemento da estrada que une os núcleos da Estación e do Castro na parroquia de Parada, a pavimentación das vías de servizo da estrada N-550 ao seu paso pola parroquia de Santa Cruz de Montaos e informar sobre a cantidade de accidentes que se produciron desde o ano 2016, na estrada AC-409 entre a rotonda da Bailía e o límite do concello de Ordes.



Comments


bottom of page