O BNG de Ordes pide que se corrixa a información turística local
- Crónicas da comarca
- 26 nov 2020
- 1 Min. de lectura

No pasado pleno ordinario de Ordes aprobouse por unanimidade a moción do BNG para solicitar á Axencia Galega de Turismo que corrixa os erros e actualice os contidos sobre Ordes na súa páxina web turismo.gal e na app “Turismo Galicia”.
Nestas plataformas expóñense fotografías de fai décadas e recoméndanse como restaurantes e/ou aloxamentos negocios hostaleiros que pecharon fai tempo ou mesmo incluso que hoxe en día funcionan como locais de alterne.
Por outra banda, non se recollen grandes recursos turísticos que ten o concello de Ordes como pode ser o museo ao aire libre que conforman as Desordes Creativas, espazos naturais como o paseo Ramiro Recouso Liste, monumentos como o busto de Vicente Carnota, o roteiro de San Paio ou diversas igrexas e capelas.
Desde o BNG agradecen á corporación o seu apoio á iniciativa e agardan que ditas eivas sexan corrixidas en breve.
Problemas na quenda de preguntas
Houbo polémica na quenda de preguntas, cando o voceiro do BNG tentou replicar no apartado de preguntas, algo que segundo manifesta “é un dereito recollido no artigo 44.7 do ROF do concello de Ordes, na súa redacción aplicable desde o 19/12/2011”.
O alcalde negoulle o dereito a réplica e impediu a consulta ao secretario do concello para clarexar a cuestión de orde, o que derivou nas protestas do voceiro do BNG que rematou coa súa expulsión da sesión por parte do alcalde.
Pablo Vidal, portavoz do BNG, tacha o acontecido como “unha clara mostra do nefasta que resulta unha maioría absoluta do PP para Ordes, cun goberno que ten á fronte un alcalde cunha actitude prepotente e ditatorial, que con estes comportamentos o único que demostra é que o cargo quédalle moi grande”.
Comments