top of page

O BNG de Ordes reclama a cesión da antiga estación de tren da Pontraga



O BNG de Ordes reclamará no pleno ordinario do vindeiro 28 de outubro a cesión da antiga estación de tren da Pontraga. Lembran que desde hai anos o concello de Ordes está a pagar un alugueiro ao ADIF polos terreos. Na súa moción, propoñen “negociar con ADIF a desafección e cesión ao concello de Ordes dos terreos e construcións da antiga estación de tren da Pontraga” .


Segundo os nacionalistas, con este trámite “aforraríase o alugueiro que estamos a pagar ao ADIF e teríamos a seguridade de investir fondos en bens que forman parte do noso inventario de bens municipal, sen depender de contratos de arrendamento onde ao remate da vixencia dos mesmos, os bens retornan ao seu propietario”.


Desde o BNG apuntan que “trátase dunha medida semellante á formalizada polo concello de Oroso coa estación da Garga, ou á que están a impulsar concellos como Padrón ou Láncara”.


Modificación da ordenanza do IBI

Os nacionalistas apuntan que se está a chegar ao pleno ordinario do mes de outubro sen que o goberno municipal convocase ningunha comisión informativa ao respecto. A suba progresiva anual dos valores catastrais provoca que de non retocar axeitadamente o tipo impositivo aplicado, os recibos que lle chegan á veciñanza vaian subindo tamén.


Pablo Vidal, portavoz do BNG de Ordes, expón que “propoñemos rebaixar o tipo impositivo para o ano 2022, pero debe tramitarse o expediente axiña para que a modificación poida aplicarse de cara ao ano que ven”.


Ademais, desde o BNG demandan “o establecemento dunha bonificación para as persoas propietarias de terreos urbanos que están sendo utilizados como aparcadoiros disuasorios, debido ao interese social e beneficio que produce para o conxunto da veciñanza”.

Vidal lembra que “desde a entrada do PP no goberno municipal, a recadación correspondente ao IBI rústico e urbano, incrementouse en mais de 400.000 €, o que representa unha suba superior ao 20 %”.

Comments


bottom of page