No último pleno celebrado, o BNG de Ordes instou ao alcalde a efectuar as actuacións necesarias para acometer a roza e limpeza das cunetas das pistas municipais, evitando en todo caso “a habitual acumulación de maleza ata os días antes da festa da parroquia”.
Pablo Vidal, portavoz do BNG de Ordes, sinala que “esta situación reduce notablemente a visibilidade, o que supón unha diminución da seguridade viaria, especialmente nos cruces ou nas incorporacións ao viario”.
Vidal salienta que “estamos a falar dun vicio recorrente deste goberno municipal, que deriva nunha total desatención das necesidades do rural do noso concello”. Para o voceiro do BNG, “o plan de rozas do PP resulta unha vez mais nunha xestión ineficaz, ao basearse en limpar as cunetas os días antes das festas da parroquia en cuestión, mantendo auténticas selvas namentres non chegan ditos eventos”.
O Bloque insiste na necesidade de “mudar o plan de rozas, intensificando os traballos e recorrendo, se é preciso, á contratación de empresas que axuden aos efectivos municipais nestas tarefas”.
Comments