top of page

O BNG oponse ao nomeamento de Teodosio Martino Martino como fillo adoptivo de Ordes



O goberno municipal non recibiu o apoio do BNG na súa proposta de iniciar un expediente para nomear fillo adoptivo de Ordes a Teodosio Martino Martino. Os nacionalistas, en palabras do seu voceiro Pablo Vidal, fixeron fincapé en que “non temos nada en contra no plano persoal co señor Martino, mais iso non quita de que fose un dos protagonistas nunha das épocas mais turbias e pouco exemplificativas da historia política do noso concello”. Vidal lembra que “no ano 1999, Martino amparouse e beneficiouse do transfuguismo para acadar a alcaldía, integrando no seu goberno a José Luís Diaz Hermida (PSOE) e Victorino Cores Liste (BNG), deturpando e corrompendo a elección que fixera democraticamente a veciñanza”. A este respecto desde o BNG consideran que “son prácticas que esta corporación municipal non debera branquear ou premiar”.


O portavoz do Bloque sinalou ademais que “no ano 2005, Martino foi reprobado por unhas declaracións aludindo á enfermidade que padecía o señor Roberto González”. Para Vidal “resulta curioso que naquel pleno Susana García, por aquel entón concelleira do CDI, criticase con dureza ao señor Martino, e agora pase a ser designada como instrutora do expediente xustificativo para declaralo fillo adoptivo de Ordes”. Deste xeito, a fronte nacionalista opúxose á proposta emitindo un voto en contra.


Por outra banda, o BNG presentou unha moción instando a recuperar o servizo de ecografías no Centro de Saúde. Para os nacionalistas, “non resulta de recibo que os pacientes do centro de Saúde de Ordes teñan que desprazarse a Santiago de Compostela para realizar unha ecografía, cando no centro fican sen empregar os equipos precisos para efectuala”. Neste sentido, desde o bloque propuxeron “instar ao Sergas a incorporar no centro de saúde de Ordes a facultativos formados para o manexo e interpretación das ecografías, ou ben formar ao persoal do propio centro interesado en efectuar a citada proba diagnóstica”. A proposta non prosperou polo voto en contra formulado polo PP.


Ademais, o BNG amosou ao seu apoio á comunidade educativa do CEIP Mesón do Vento, que demanda un segundo persoal auxiliar coidador. Actualmente estudan no centro cinco nenos e nenas con necesidades especiais, requerindo dous deles alto grao de atención. Tamén solicitarion a instalación de paneis informativos sobre as datas de celebración da Feira da Adina.



Comments


bottom of page