O BNG oponse ao proxecto do Parque Eólico Monte San Bartolomeu
- Crónicas da comarca
- 6 feb 2023
- 2 Min. de lectura

Os portavoces do BNG de Ordes, Mesía e Abegondo, veñen de rexistrar unha serie de alegacións ao proxecto do parque eólico Monte San Bartolomeu. Os nacionalistas consideran incompatible o parque eólico pretendido co trazado do camiño Inglés, destacando a proximidade dos aeroxeradores ao mesmo. “varios aeroxeradores quedan a menos dun quilómetro de distancia do camiño de Santiago, estando situado o mais próximo a menos de catrocentos metros” indica Pablo Vidal, portavoz do BNG de Ordes, que resalta “a enorme afección negativa que suporía a implantación do parque eólico sobre un dos maiores atractivos turísticos da zona, cun importante impacto económico na contorna”.
Blandino García, portavoz do BNG de Abegondo, destaca “o impacto sobre o patrimonio natural e recursos hídricos”. Segundo indica Blandino “o territorio do concello de Abegondo afectado polo parque eólico, atópase dentro da Reserva da Bioesfera Mariñas Coruñesas Terras do Mandeo, zona de especial protección medioambiental, patrimonial e paisaxística”, destacando a presenza dentro da poligonal do parque eólico “dun dos bosques de ribeira e frondosas mais extenso e importante do concello de Abegondo, como é a Fraga do Rego Manteiga”.
“A este respecto, tampouco nos podemos esquecer do monte Fraga da Aerosa”, apunta Beatriz Louro López, portavoz do BNG de Mesía, que destaca “a proximidade dos aeroxeradores á primeira masa consolidada de frondosas autóctonas rexistrada, situada na parroquia de Visantoña”, “un espazo de case vintecinco hectáreas poboado de castiñeiros, carballos e bidueiros”.
Os voceiros nacionalistas destacan que a zona “xa padece unha grande cantidade de impactos acumulados, como é a presenza de numerosos tendidos eléctricos pola proximidade da subestación das travesas, a autoestrada, o oleoduto, ou o gasoduto”, e fan fincapé na “excesiva proximidade dos aeroxeradores a numerosos núcleos de poboación”.
Comments