O BNG reclama á Xunta a paralización da autorización á empresa Erimsa para a extracción de seixo de silicio en Frades e Mesía, considerando que a actividade mineira pon en risco unhas 1.160 hectáreas de terra de alto rendemento agrícola. Os nacionalistas fixeron esta reclamación a través dunha proposición de lei que defendeu o pasado venres no Parlamento de Galicia o portavoz de Agricultura do BNG na cámara, Xosé Luís Rivas 'Mini'.
Na defensa da iniciativa, o deputado do BNG explicou que no mes de novembro a Consellería de Medio Ambiente autorizou á empresa Erimsa a extracción de seixo de silicio en 1.160 has. agrícolas no concello de Frades polo procedemento de peneirado da terra coa condición de existir acordo cos propietarios e “devolvérllelas aptas novamente para uso agrícola”. A este respecto, asegurou que calquera técnico na materia pode constatar que o proceso extractivo do croio de silicio, a unha fondura media dun a dous metros, “desestrutura o solo, afecta gravemente a súa fertilidade e resulta un proceso irreversible”.
A actividade mineira, segundo a empresa, suporá a creación de 8 novos postos de traballo, fronte aos postos de traballo e riqueza sostible xerada por 1.160 has. de terreo de alto rendemento agrario, considerou o deputado.
Aínda que a iniciativa non saíu adiante polo voto contrario do PP, o deputado advertiu que “as parcelas afectadas non volverán a poder desenvolver a súa capacidade agraria nin aínda que lle inxecten nitróxeno en vea ou purín con mangueiras a presión”. Dende o BNG consideran "un proceso irreversible" para as terras agrarias a extracción de seixo de silicio, e pensan que se finalmente se confirma esta actividade, a Consellería de Medio Rural "non estará autorizada para falar de sustentabilidade” porque o concello de Frades "foi e segue sendo un exemplo de desenvolvemento gandeiro cunha cabana de vacún lácteo considerable e estrutura da propiedade que contou con concentracións parcelarias e unha riqueza agora ameazada pola actividade mineira".
"Estamos a referirnos", recalcou 'Mini', "a terras con proxectos de concentración con investimentos públicos para a súa mellora cuxo pago da empresa valoraba sobre 3.750 euros por hectárea, mentres que o volume de croio de silicio extraído, tras pasar por un proceso de transformación en Noruega, retornará a Galicia cun valor entre 30 e 35 millóns de euros".
Comentários