top of page

O CEI da Deputación busca converter á provincia da Coruña nun "hub audiovisual de referencia en Europa" para a produción de cine e series



O pasado 28 de novembro, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presentou aos directivos e responsables de contidos das principais cadeas de televisión, plataformas audiovisuais e produtoras de cine nacionais o CORUÑA ESTUDIO INMERSIVO (CEI), o maior estudio de produción virtual de España, que entrará en funcionamento a principios de 2025 e que pretende converter á Coruña “nun hub audiovisual de referencia en Europa” para a produción de cine e series, segundo afirmou o presidente.

 

O acto tivo lugar na Cidade das TIC, no marco do 18º Congreso “I+P Ideas para Producir” organizado polo Clúster Audiovisual Galego e contou coa participación do presidente da entidade, Alfonso Blanco; o reitor da UDC, Ricardo Cao; e o director de Mundos Digitales, Manuel Meijide, ademais do propio Formoso, que puxeron en valor un proxecto chamado a revolucionar a industria audiovisual en Galicia e explicaron en detalle as vantaxes que suporá para a industria audiovisual.

 

Entre os asistentes estiveron directivos e responsables de contidos das principais empresas de produción de contidos audiovisuais de España como RTVE, Atresmedia Cine e TV, Mediaset España, Movistar+, Amazon Prime Video, Warner Bros Discovery, Filmax, A Contracorriente Films, Voz Audiovisual, Portocabo ou Vaca Films, entre outros.

 

Formoso destacou que o CEI “posicionará a Galicia como referente no sector audiovisual nacional e internacional” e destacou o potencial desta instalación para impulsar á  industria audiovisual e creativa, “na que en Galicia xa somos unha potencia”. Neste sentido, apuntou que o audiovisual xa representa o 28% da industria cultural en Galicia, con máis de 4.500 empregos, 411 millóns de euros anuais en facturación e máis de 707 empresas, a maioría delas na provincia coruñesa, que producen series e películas de gran éxito e repercusión no panorama nacional e internacional.

 

Oportunidade para traer grandes produccións a Galicia

 

Valentín González Formoso mostrou a súa confianza en que o CEI “non só atraerá á Coruña grandes producións nacionais e internacionais, senón que tamén fomentará a creación de emprego cualificado, reducirá os custes de produción en ata un 68% e consolidará a Galicia como un polo estratéxico de innovación audiovisual”.

 

O presidente agradeceu “a implicación e colaboración” do Cluster e do sector audiovisual galego para impulsar este importante proxecto, “que permitirá ás empresas audiovisuais de Galicia e España acceder á tecnoloxía máis avanzada do mundo en produción virtual sen necesidade de desprazarse ao estranxeiro, fomentado a retención e desenvolvemento do talento local”.

 

O presidente do Cluster Audiovisual Galego, Alfonso Blanco, coincidiu en que “o CEI vai ser un piar clave para dar un novo impulso á industria audiovisual de Galicia” e subliñou que “é o resultado dunha excepcional colaboración entre o público e o privado, e todo elo nun espazo único como a Cidade das TIC, onde tecnoloxía, formación e audiovisual danse a man nun entorno de enorme potencial creativo, innovador e industrial”.

 

Tecnoloxía inmersiva de última xeración

 

O CEI conta cunha superficie total de 2.000 metros cadrados, dos que 750 metros están destinados a un gran plató inmersivo equipado coa tecnoloxía de vangarda de Telefónica en realidade virtual, aumentada e extendida (VX/AR/XR). A instalación integra 758 paneis LED 4K que permiten crear escenarios envolventes, dinámicos e hiperrealistas que reproducen con absoluta precisión calquera localización real ou ficticia que poden interactuar con elementos físicos en tempo real.

 

O proxecto supón un investimento de preto de 9 millóns de euros, cofinanciados entre a Deputación e o Goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, é unha peza clave dentro do plan “España, Hub Audiovisual de Europa”, e supón unha aposta pola transformación dixital e a internacionalización da industria audiovisual española.

 

O CEI é un proxecto impulsado pola Deputación da Coruña dentro do seu compromiso coa innovación, a aposta por sectores estratéxicos que xeren emprego e actividade económica e a proxección nacional e internacional da provincia.

Comments


bottom of page