O CEIP Camiño Inglés desenvolve un novo programa Erasmus+ con Francia e Irlanda
- Crónicas da comarca
- 26 oct 2021
- 1 Min. de lectura

O CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés de Sigüeiro continúa co seu proceso de internacionalización. En concreto este proxecto foi deseñado con Faithlelgg National School (Waterford-Irlanda) e Êcole primarie publique du Petit Paris (Brest-Francia) e no establecemento dos contactos tivo un papel importante a Deputación da Coruña e o Concello de Oroso. Waterford foi a localidade de procedencia de James Rice, un alcalde que a finais do século XV peregrinou en dúas ocasións a Compostela. O coñecemento das súas peripecias son o nexo de unión dos tres centros para traballar sobre diversos aspectos: medioambiente, ferramentas dixitais e patrimonio común.
O desenvolvemento do proxecto abranguerá este curso e levará a alumnado e profesorado a visitar os tres centros se a COVID o permite. Durante as xornadas de traballo en conxunto, analizarán a saúde dos ríos da súa contorna e descubrirán máis sobre o patrimonio europeo e o feito xacobeo.
Estas iniciativas veñen sumarse aos esforzos que o Concello de Oroso, entre outros organismos,están realizando nos últimos anos polo coñecemento e promoción do Camiño Inglés.
O director do CEIP do Camiño Inglés, Francisco Ávila, afirma: “Os programas europeos son unha oportunidade para toda a comunidade posto que son unha ferramenta moi importante para a mellora das competencias lingüísticas e promoven a innovación docente”.
O pasado día 21 de outubro publicáronse as listaxes definitivas dos proxectos europeos seleccionados entre os que se atopa este, que contará cunha cantidade de 22.548€ para o desenvolvemento por parte do centro galego.
Comentários