top of page

O CEIP Plurilingüe de Sigüeiro e un cole de Florida fan un "intercambio virtual" grazas á tecnoloxía


O alumnado de 5º de Primaria do CEIP Plurilingüe de Sigüeiro mantivo durante este curso un estreito contacto co alumnado do centro escolar Royal Palm Elementary School de Miami (Florida) a través do proxecto piloto “Dos orillas” impulsado pola Agregaduría de Educación da Embaixada Española nos Estados Unidos. O obxectivo do proxecto era a creación dun marco internacional de colaboración e intercambio lingüístico, cultural e educativo entre centros educativos de Miami-Dade e Galicia. Tamén se buscaba aumentar a motivación do alumnado, potenciar unha aprendizaxe significativa e efectiva da lingua estranxeira e proporcionar unha educación para unha cidadanía global.


Arrincaba o proxecto intercambiando videos de presentación de alumnado e profesorado, ademais de escribir postais para o Día da Hispanidade. O 14 de outubro realizouse a primeira videoconferencia, á que lle seguirían outras seis, unha cada mes. A diferenza horaria, de seis horas, non impediu que se atopase un momento axeitado para manter a conexión. Ás 14h galegas eran as 8h da maña na Florida, así que mentres as e os rapaces de Sigüeiro comezaban a súa última clase da maña, eles acababan de chegar ao colexio para empezar a xornada.

Nos meses de outubro e novembro, intercambiaron información sobre as festividades propias do outono dun e doutro lado do Atlántico: o Samaín, o Magosto, o Halloween e o Thanksgiving Day, tan diferentes e tan parecidas ao mesmo tempo. Polo Nadal, volvéronse intercambiar postais e tradicións, ademais de cantar panxoliñas.

Á volta das vacacións, o alumnado fixo unha visita virtual polas instalacións dos dous centros educativos. Adentráronses nas súas aulas, no seu patio, na súa biblioteca, no seu comedor e ata nas oficinas do persoal administrativo. Puideron ver de primeira man como é unha aula americana, como chegan ao cole nos clásicos autobuses amarelos, que asignaturas cursan ou como comezan a xornada cantando o himno nacional e escoitando os avisos da directora polos altofalantes. As nenas e nenos galegos fixeron o propio ensinándolles o seu cole. Chamoulles a atención que os cativos de Infantil levasen un mandilón dunha cor diferente dependendo do seu curso e o grandes que eran o patio e comedor.


Polo mes de febreiro, tocou falar de celebracións de novo. Desta volta, a Candeloria, o Groundhog Day, o Día de San Valentín ou o Antroido. Todos aprenderon un montón de cousas que descoñecían e ata competiron nun Kahoot a ver quen lembraba máis datos.


No mes de marzo, amosáronlles a localidade, Sigüeiro, e tamén a cidade de Santiago de Compostela aos compañeiros americanos. Encantáronlles os monumentos de pedra, especialmente a catedral, toda a natureza e, sobre todo, a comida. Eles ensinaron a súa gran cidade co seu porto, as súas praias, os rañaceos ou as súas comidas típicas.


E o pasado 27 de abril, para pechar o proxecto, reuníronse mediante videoconferencia ambas as beiras do Atlántico e celebraron xuntos (aínda que a máis de 6.500 quilómetros de distancia) unha festa hispano-americana na que non faltou de nada. O salón de actos estaba engalanado para a ocasión coas bandeiras americana e galega e ata un photocall propio do afastado Oeste. A parte dos discursos de despedida, vestidos de vaqueiros e vaqueiras, puideron bailar ao estilo country a canción Cotton Eye Joe. E ata degustar unha auténtica merenda americana con mini hamburguesas e sandwiches de crema de cacahuete e marmelada. Pola súa banda, os amigos americanos vestiron coas cores da bandeira española, bailaron a Macarena e degustaron tortilla española e polvoróns.


Broche final para un proxecto xenial, no que o alumnado puxo en práctica o seu inglés, coñeceu a cultura americana e, sobre todo, fixo amizades para toda a vida.



Comments


bottom of page