top of page

O ciclo ‘Os Lugares do Paraíso’ chega a Tordoia e Trazo como alternativa de ocio na ponte



A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ordes avanza na programación do ciclo de rutas ‘Os lugares do paraíso’ cunha dobre saída nesta ponte de decembro polos Concellos de Tordoia e Trazo.


A primeira terá lugar o martes, 6 de decembro, en Tordoia, e incluirá visitas a enclaves como o encoro de Vilagudín, Santa Susana de Arcai de Abaixo, Pedra Longa, a acea de Estevo ou o Dolmen de Cabaleiros.


Pola súa parte, dous días despois, o xoves 8 de decembro, está programada unha nova ruta guiada polo Concello de Trazo, a cal está catalogada como de dificultade alta polas condicións que presenta o seu trazado, o cal imposibilita a participación de nenas e nenos pequenos.


Dita actividade inclúe paradas no pazo de Vilacova, no Monte Pedroso, no cal se poderá visitar a Pedra Faladora, a cova dos mouros. Tamén se visitarán as ribeiras do río Chonia, onde sobresaen os seus batáns e muíños, e as ermidas de Santa Eufemia e San Mateo, coñecida esta última como a ‘catedral das montañas’. A saída de ambas actividades terá lugar desde a rúa Entreparques de Ordes ás 09.30 horas, mentres que a hora de chegada está prevista para as 14.30 horas.


As persoas interesadas en participar poderán realizar a súa inscrición de balde ata o domingo, 2 de decembro, para a saída a Tordoia, mentres que para a ruta de Trazo o prazo manterase en vigor ata o martes, día 6. Ambas poderán realizarse a través do enderezo info@viaxesalumar.com ou chamando ao 678 776 951.

Comments


bottom of page