O Club Xadrez Oroso brilla no torneo Xogade de Xadrez 2025, celebrado o pasado sábado en Santiago de Compostela
- Crónicas da comarca
- 24 mar
- 1 Min. de lectura
Actualizado: 27 mar

O pasado sábado 22 de marzo de 2025, o centro comercial Área Central de Santiago de Compostela acolleu o Torneo Individual de Xadrez Xogade. O evento reuniu a numerosos xogadores novos e contou cunha destacada participación do Club Xadrez Oroso, que acudiu cunha ampla representación de preto de 30 xogadores.
Na categoría Alevín, o Club Xadrez Oroso protagonizou unha actuación excepcional, logrando copar por completo o podio. Ademais, o dominio do club quedou patente no ránking final, onde 8 dos 10 primeiros clasificados pertencían a esta entidade.
Un dos nomes propios do torneo foi Simón Blanco, que se consagrou como mellor xogador ao impoñerse en todas as partidas que disputou. Considerado un dos talentos con maior progresión dentro da canteira do Club Xadrez Oroso, Blanco brillou cun xogo sólido e efectivo. Na categoría Infantil, o club tamén acadou excelentes resultados, conseguindo ocupar o segundo, terceiro, cuarto e quinto posto da clasificación final.
Estes logros son reflexo do traballo constante que realizan os mestres do club nas Escolas de Xadrez, fomentando a paixón por este deporte e potenciando o desenvolvemento dos seus xogadores. O Club Xadrez Oroso celebrou os bos resultados e amosou o seu orgullo polo rendemento e esforzo dos seus deportistas.
Comments