top of page

O Club Xadrez Oroso brilla nos Campionatos Galegos por Idades 2025 en Padrón

O Club Xadrez Oroso pechou a súa participación nos Campionatos Galegos de Xadrez por Idades 2025, celebrados en Padrón, cun excelente balance deportivo e grandes sensacións para o futuro. Un total de sete xogadores e xogadorasrepresentaron ao club nesta cita autonómica: Paula Noya Mellado, Julio Vázquez Liste, Zaira Campelo Mallo, Mateo Carrillo Rey, Christian Noya Mellado, Enma Campelo Mallo e Simón Blanco Cela.


Todos eles fixeron fronte con gran nivel aos mellores xogadores e xogadoras de Galicia nas súas respectivas categorías. Aínda así, hai dous nomes que brillaron con luz propia polo seu talento e progresión imparable.

Na categoría Sub-12, Simón Blanco Cela rematou nun magnífico 9º posto, situándose dentro do top ten galego a tan só medio punto do campión. Simón, que conta con apenas dous anos de traxectoria no xadrez, só foi derrotado en dúas das oito roldas disputadas. O seu crecemento como xogador é unha mostra do enorme potencial que atesoura.


Pola súa parte, en Sub-16, Enma Campelo Mallo, con tan só 13 anos, xogou nunha categoría superior á súa e mesmo chegou a parar unha das roldas para participar noutra disciplina deportiva. Aínda así, acadou o bronce feminino, empatando en puntuación coa subcampioa. A súa evolución é impresionante, consolidándose como unha das mellores xogadoras galegas da súa idade.





Dende o Club Xadrez Oroso queren agradecer o traballo incansable dos seus adestradores, Roberto e Xesús, polas sesións semanais nas escolas de xadrez da comarca que están a formar á nova xeración de talentos.

Estes resultados reafirman o bo momento do xadrez na comarca e consolidan ao Club Xadrez Oroso como un referente autonómico na formación e promoción deste deporte.

Comments


bottom of page