top of page

O Concello de Frades aclara que non se vai pechar o consultorio médico de Abellá



O Concello de Frades sinalou hoxe que a Xerencia de Atención Primaria "non contempla nin contemplou en ningún momento o peche do consultorio médico de Abellá". "De feito, o Concello de Frades leva meses en conversas coa Xerencia para restablecer o servizo canto antes", sinalan dende o consistorio logo da declaración en sentido contrario do PSOE local.


O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “sabemos que a problemática radica en que o consultorio de Abellá non cumpre cos protocolos de seguridade contra a Covid-19, ao que hai que engadir que o facultativo do centro se saúde de Ponte Carreira é persoa de risco, polo que tería que estar acompañado doutro facultativo para poder reabrir o consultorio de Abellá”. De todos modos, sinala que “estase facendo o mantemento e a limpeza do consultorio de Abellá e agardamos que cando termine o estado de alarma e gran parte da poboación estea inmunizada se poida reabrir o consultorio”.


Roberto Rey considera “vergonzoso que, no medio dun estado de alarma, o PSOE de Frades e unha deputada autonómica veñan a Abellá a mentir e xerar confusión entre a veciñanza dicindo que se vai pechar o consultorio”. "Sobre todo cando en ningún momento se interesaron por esta cuestión nin se informaron no Concello sobre a situación real co consultorio fradense", engaden dende o Concello.


Neste sentido, dende a Xerencia de Atención Primaria confirman ao Concello que o consultorio de Abellá non está aberto porque non permite a implantación dun circuíto de prevención fronte á Covid-19, pois non ofrece opción de entrada e saída diferenciadas nin separar zonas independentes para a atención de posibles casos positivos, cuestións que si permite facer o centro de saúde de Ponte Carreira.


A maiores, o facultativo que presta servizo no consultorio é unha persoa maior e figura nos grupos de risco fronte á Covid-19. De acordo co “Procedimiento de actuación para los servicios de prevención de riesgos laborales frente a la exposición al SARS-CoV-2”, cando isto ocorre o facultativo non pode estar so no consultorio, senón que precisa da presenza dunha segunda persoa que lle permita cambiar de lugar ou que faga tarefas con pacientes sospeitosos de Covid-19.


O PSOE denuncia "o trato recibido" de Frades por parte da Xunta

A responsable de Política Municipal do Grupo Socialista no Parlamento, Begoña Rodríguez Rumbo, reuníuse onte cos representantes municipais no Concello de Frades, Enrique Astray, José Luis Pereira e Aurelio Garea para denunciar "a intención do goberno de Núñez Feijóo de pechar o servizo médico na parroquia de Abellá, o segundo núcleo de poboación do concello de Frades, un concello rural con 2.302 habitantes dos que o 32% teñen máis de 65 anos".


Os representantes municipais do PsdeG manifestaron o seu malestar "co trato recibido por este concello por parte do goberno galego, que nos últimos anos non ten invertido nin un só euro e pretende desmantelar os poucos servizos públicos de competencia autonómica cos que conta, contando co silencio cómplice do goberno municipal de Frades".

Comments


bottom of page