O conselleiro do Medio Rural, José González, defendeu hoxe a xestión sustentable do territorio como mellor fórmula para garantir o medre e o futuro do sector primario. O membro do Goberno galego sinalou igualmente a contribución na loita contra o reto demográfico que supón a recuperación de terra rural. González fixo estas declaración este mediodía no debate “Alimentos asequibles e ingresos agrícolas xustos: reforzar a resiliencia do sistema alimentario da UE”, na Comisión de Recursos Naturais (Comisión NAT) do Comité Europeo das Rexións que se reúne estes días na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. O conselleiro acudiu acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.
Na súa intervención, González defendeu a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que cumpre un ano en vigor, como ferramenta para loitar contra o abandono rural e reforzar o sector primario. O conselleiro sinalou que é máis necesario ca nunca defender este sector ante a pandemia e a invasión rusa da Ucraína.
Á hora de reforzar o sector, González fixo fincapé na importancia das axudas da PAC pero chamou a avanzar simultaneamente na regulación de mecanismos de apoio aos operadores primarios a través do mercado, valorizando os produtos aínda que isto poida traducirse nunha suba de prezos para o consumidor. Tamén chamou a conselleiro a reducir a dependencia exterior.
Por outra banda, chamou o conselleiro a defender a singularidade das producións agroalimentarias europeas, lembrando que Galicia é rica en variedades autóctonas, caso das 75 castes presentes de viño e as 36 Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas. Con elas, dixo, e “xunto coa recuperación da terra de xeito sustentable, podemos ofertar no mercado produtos da máxima calidade”.
José González rematou indicando que as crises dos últimos anos reforzaron a convicción arredor da importancia de contar cun sector primario potente e de proximidade. “O futuro pode pasar por sufrir dificultades de aprovisionamento se non somos quen de poñer a producir a nosa terra”, expuxo.
Comments