top of page

O consultorio de Abellá atende cunha única enfermeira a media xornada



A CIG-Saúde da comarca de Compostela denunciou a semana pasada a situación do consultorio de Abellá, en Frades, onde unha única enfermeira atende as necesidades das e dos doentes da zona. Asegura que nas distintas reunións coa Xerencia ignoraron a situación sen adoptar medida algunha, sen contratar persoal e mesmo “poñendo en risco a integridade desta persoa e provocando unha grave situación de indefensión ante calquera posible urxencia ou situación de agresividade que se puidera dar no centro de saúde”.

O consultorio sanitario de Abellá pertence a Frades. A súa dotación é de unha médica de familia e unha enfermeira e tampouco conta con persoal administrativo. “Nunca o houbo, malia a multitude de reclamacións que como CIG fixemos á Xerencia”, explica Francisco Xabier Alvedro. O problema é que médica de familia é requirida en multitude de ocasións e, por longos períodos de tempo, para cubrir as ausencias do titular do Centro de Saúde de Frades. “A cuestión é que as ausencias ou permisos da médica de familia non son cubertas, o que provoca que a enfermeira estea soa prestando asistencia”, matiza. "A situación é aínda máis esperpéntica tendo en conta que a enfermeira está a media xornada neste centro e despois é trasladada en taxi ao centro de saúde de Frades", explican dende a CIG


Dende o sindicato aseguran que se fixo unha avaliación de riscos na que os propios técnicos de prevención de riscos “recomendan ao SERGAS que se dote ao centro do persoal necesario para que a traballadora non estea soa e se lle proporcione un móbil de empresa”.


Comentários


bottom of page