![](https://static.wixstatic.com/media/9bc9f6_01978007a3fa4e52b54a88b9cc0d1ded~mv2.jpeg/v1/fill/w_980,h_437,al_c,q_85,usm_0.66_1.00_0.01,enc_auto/9bc9f6_01978007a3fa4e52b54a88b9cc0d1ded~mv2.jpeg)
O Concello de Oroso acolleu hoxe un pleno extraordinario solicitado polo PP para falar da seguridade no municipio. As cifras oficiais da Delegación de Goberno "son contundentes", valoran dende o municpio: o índice de criminalidade en Oroso é de 17,3 infraccións penais por cada 100.000 habitantes, case a metade da taxa galega, situada en 29,7, e moi por debaixo da do conxunto do Estado, que é de 39,2. "Isto amosa que Oroso é un dos concellos máis seguros de Galicia", segundo fontes municipais.
A pesares desta situación, o concello puxo en marcha hai meses medidas de reforzo que manterá, como as patrullas nocturnas da Policía Local durante a fin de semana para controlar os botellóns. “Somos os primeiros interesados en continuar sendo un concello seguro, polo que manteremos esta iniciativa”, explicou o alcalde, Luis Rey Villaverde.
Ademais, o propio delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e o alcalde de Oroso acordaron reforzar o mes pasado a presenza policial no concello para manter a actual garantía da seguridade pública. O consenso chegou nunha xuntanza que da resposta a unha petición do Executivo local.
O delegado garantiu o traballo da Garda Civil, que dará continuidade ao intenso esforzo que realiza o Concello de Oroso coa Policía Local. Ambos mandatarios coordinaron o dispositivo de seguridade e acordaron un reforzo para vindeiras datas.
“Oroso é un concello seguro para vivir, traballar e visitar, e por suposto rexeitamos calquera tipo de violencia ou acto vandálico”, engadiu Antonio Leira.
Como nova medida para coordinar as accións neste ámbito, o Concello de Oroso contará cunha Xunta Local de Seguridade.
Comments