top of page

O IES Maruxa Mallo acolle unha exposición fotográfica que rescata a memoria familiar do alumnado



O IES Maruxa Mallo de Ordes acolle ata o 15 de xuño unha exposición de fotos familiares achegadas polo alumnado. As 63 fotos que conforman a mostra son a parte final dun traballo da materia de Xeografía e Historia de 4º da ESO. Os temas que vertebran a exposición son a emigración, os traballos, a mili, os retratos, o motor, o lecer, a relixión e a escola. A entrada é libre.



Cada alumno ou alumna procurou na casa fotos antigas, previas ao 2000, escollendo aquelas catro máis relevantes. Para cada unha delas elaborouse unha ficha que recollía a data, o lugar en que foi tomada, a identificación das persoas amosadas e unha descrición da imaxe.


Unha vez confeccionadas as fichas, elaboraron unha redacción onde analizaron polo miúdo as fotografías, valorando a importancia da información proporcionada por cada unha dende o punto de vista histórico pero especialmente desde a perspectiva sentimental e estética. Tamén se lles propuxo que reproducinse a foto antiga na actualidade.



Concluído o traballo escrito, cada alumno presentou as súas fotos oralmente na aula. Foi daquela cando se comprobou o gran interese de moitas das fotografías para o coñecemento do pasado histórico. Nese momento decidiuse facer a mostra.

Comments


bottom of page