top of page

O músico galego Anosmic publica o álbum completo da banda sonora de Elektrical Body

Actualizado: hace 6 días


O vindeiro 9 de maio, verá a luz o novo traballo musical de Anosmic, nome artístico do galego Hilario Rodeiro (Ordes, 1981), centrado na composición de música incidental e electrónica. Trátase do álbum completo da banda sonora de Elektrical Body, un espectáculo de danza contemporánea da compañía Dinamo Danza, dirixida por Carmen Larraz.


Este novo lanzamento inclúe unha colección de pezas e paisaxes sonoras inspiradas no electromagnetismo e a física de partículas, un exercicio de exploración artística no que se busca conectar a ciencia e a arte, dende unha mirada sensible e experimental. A proposta musical recrea fenómenos físicos invisibles, pero representables a través do son e da imaxinación.


Hilario Rodeiro, que reside no País Vasco dende hai case dúas décadas, é batería, percusionista, compositor e produtor musical. Nos últimos anos ten participado en proxectos destacados da escena contemporánea, como Luz Negra (2024) e Orígenes (2022). Este novo traballo supón o seu segundo álbum como produtor electrónico, logo de Transoceánica(2022), disco que foi finalista nos Premios Martín Códax da Música.

Con máis de trinta discos publicados e unha traxectoria consolidada como batería, Rodeiro estreou este mesmo ano o seu quinteto de jazz co álbum Pausa.

Comments


bottom of page