top of page

O martes comeza a campaña de vacinación da gripe



A campaña de vacinación da gripe arrinca o vindeiro martes, día 13 de outubro, para a poboaciñon xeral. Prolongarase ata o 31 de decembro. Dende o Sergas pregan evitar aglomeracións nos primeiros días da campaña e acudir sempre con cita previa ao centro de saúde.

A vacina é especialmente recomendable para persoas con risco de complicacións derivadas da gripe (persoas maiores de 65 anos; nenos de ata dous anos prematuros; nenos e adolescentes que reciben tratamentos prolongados de ácido acetilsalicílico; mulleres embarazadas e durante o puerperio que non se vacinasen no embarazo; ou calquera persoa de calquera idade que padeza doenzas crónicas respiratorias, cardiovasculares ou neurolóxicas, entre outras enfermidades). Recoméndase tamén que se vacinen persoas que poidan transmitir a gripe a grupos de risco (como as que coidan de persoas maiores ou conviven con elas). A vacina é recomendable tamén para traballadores de servizos públicos esenciais (policía, bombeiros…) e agrogandeiros (que se expoñan habitualmente a aves domésticas ou porcos en granxas e explotacións avícolas). A finalidade deste último suposto é reducir a oportunidade dunha infección concomitante de virus humano e aviar ou porcino, diminuíndo a posibilidade de recombinación ou intercambio xenético entre ambos virus.

Nesta campaña utilizaranse tres tipos de vacinas diferentes con catro nomes comerciais: adxuvada trivalente, de alta carga tetravalente e tetravalentes.

Ademais da vacina, recoméndanse precaucións semellantes ás que se prescriben contra a COVID-19. Lavar as mans con frecuencia é a medida de hixiene máis importante. As gotiñas que se emiten ao tusir, esbirrar ou falar poden quedar nas mans, onde o virus pode sobrevivir uns minutos (menos de 5 minutos).​

Compártelo:

Comments


bottom of page