top of page

O Pleno de Frades reclama á Xunta cubrir as baixas de médicos e o servizo de pediatría



O Pleno Municipal de Frades, reunido esta tarde de maneira extraordinaria, aprobou por unanimidade unha moción do grupo municipal socialista para instar á Consellería de Sanidade a cubrir os postos dos médicos titulares do municipio cando estes non poidan acudir a facer o servizo así como restablecer o servizo de pediatría. Unha sesión solicitada polo grupo socialista e con este único punto na orde do día.


“Os dous médicos titulares do noso concello non están no seu posto e, no canto de cubrir as baixas, só mandan un médico e co horario incompleto. Algo que fi que os nosos veciños e veciñas se sintan desprotexidos e desatendidos”, expuxo o voceiro socialista, Enrique Astray Otero. Unha situación que actualizou o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, ao confirmar que “con data 1 de decembro xa se reincorporou a médica que estaba con permiso de excedencia e sabemos que o segundo médico farao nos próximos días, se ben a día de hoxe continúa de baixa”.


Contacto permanente

De feito, aínda que a moción instaba ao Concello de Frades a pedir “as explicacións oportunas á Consellería de Sanidade” e facer “as dilixencias precisas ante a Xunta de Galicia para que o servizo de atención primaria sexa a tempo completo”, o alcalde confirmou que “levamos xa moito tempo en contacto coa Xerencia de Atención Primaria e coa Consellería para abordar esta e moitas outras cuestións importantes para garantir que os nosos veciños e veciñas reciban a mellor atención”.


Así, Roberto Rey explicou que Frades conta na actualidade con dous médicos de cabeceira: unha destas persoas ten dereito a solicitar 3 meses de excedencia para exercer no Exército, solicitude que cursou e lle foi concedida; mentres que o segundo facultativo ten prolongado o seu contrato ata o ano 2024, cando cumprirá 70 anos. “Neste caso o que pasou foi que o facultativo non se considerou capacitado para asumir a carga de traballo da súa compañeira e optou por coller unha baixa”, explicou o alcalde.


Diante desta situación, as autoridades sanitarias optaron por enviar a un médico a tempo parcial que está traballando nun PAC, polo que tiña que deixar a consulta ás 13:00 horas para entrar ás 15:00 horas no PAC. “Pedimos unha solución e que viñera un médico de Ordes, pero aló había 3 médicos de baixa e esa opción quedou paralizada”, indicou Roberto Rey, quen indicou que “non hai médicos para contratar e, se hai baixas, téñenas que cubrir no propio centro”. Porén, confirmou que onte xoves xa se reincorporou do seu permiso un dos facultativos e que agardan que ao longo da próxima semana se incorpore tamén o segundo, a quen “lle quedan seis meses para a xubilación, e entón terán que enviar un médico novo que ocupe esa praza”. Algo que Roberto Rey agarda que se produza de xeito inmediato pois “somos unha localidade moi próxima a unha gran cidade, o que nos converte nun destino interesante”.


Pediatría

Sobre o servizo de Pediatría, lembrou que estaba centralizado en Ordes, onde unha das dúas pediatras se desprazaba 3 ou 4 horas a Frades nun día e outras 3 ou 4 horas a Mesía noutra xornada. Porén houbo problemas á hora de prestar o servizo, sancións incluídas, que quedou finalmente centralizado no centro de saúde de Ordes. “Propuxemos distintas fórmulas pero non houbo solución: que a mesma persoa viñera nun mesmo día a Frades a a Mesía, que viñera a que está prestando servizo en Tordoia, pois non ten moitas tarxetas sanitarias, pero non queren e teñen todo o dereito a negarse”, explicou Rey Martínez. Así, o alcalde de Frades confirmou que “mentres non haxa novos pediatras ou unha das actuais acceda á nosa proposta, o servizo de Pediatría seguirá centralizado en Ordes”.


Finalmente, aínda que compartiu totalmente a moción presentada polo grupo socialista, Roberto Rey tamén lembrou que “durante a pandemia tivemos dous anos pechado o consultorio de Abellá e dicíase que non ía abrir máis e á vista de todos está que volver abrir as súas portas en canto rematou a pandemia, tal e como nos aseguraran”.


Debate

A pesar de que os tres grupos compartiron o fondo da cuestión, aproveitaron tamén para lanzarse mutuamente reproches políticos. Así, dende o grupo municipal popular, o seu voceiro Manuel Ferreiro insistiu en varias ocasións en que “son o primeiro en sumarme ás queixas polo servizo en Frades, pero estamos falando dun problema que sucede en todo o país, non só nesta comunidade autónoma. É un problema de que non hai médicos, non que falten cartos”. Neste sentido, instou ao Goberno Central a aumentar a convocatoria de prazas MIR ou flexibilizar a súa impartición, para que se poidan formar máis especialistas.


Dende o grupo municipal socialista culparon da situación nos MIR aos recortes do Goberno Rajoy e insistiron en que “se os médicos quedan noutros países é por cartos”, apuntou Enrique Astray. Posición semellante mantivo o BNG, cuxo voceiro Manuel Fernández instou a “non fagamos máis MIR para solucionarlle o problema ás privadas, non se poden aumentar as prazas a vontade. O problema é de formación, e a solución é competir polo talento, non en facer máis MIR”.


Reproche ao 061

Por último, os tres grupos acordaron, a petición do BNG, incluír na moción un reproche expreso ao 061, a quen se lle esixirá unha explicación por unha incidencia acontecida a mediados de novembro, cando un rapaz do CPI de Ponte Carreira precisou de asistencia médica e se desprazaron dúas ambulancias sen facultativo a atendelo. Unha incidencia que se afortunadamente se solucionou sen consecuencias para o rapaz.


De feito, o alcalde explicou que o que sucedeu foi que o médico marchara do centro de saúde de Ponte Carreira antes do accidente, polo que “ten a obriga de avisar, e así o fixo, de que a zona quedaba sen médico. É dicir, que cando se chamou ao 061, o 061 sabía que non había médico e que tiña que enviar unha ambulancia medicalizada ou, de non ser posible, recoller un médico no centro de saúde máis próximo, neste caso Ordes”. Porén, o 061 enviou dúas ambulancias, pero con ningún facultativo.


Diante destas explicacións, os tres grupos acordaron incluír na moción un punto a maiores para reprochar a actuación do 061 nese caso concreto.

ความคิดเห็น


bottom of page