top of page

O PP dá luz verde en solitario á aprobación provisional do PXOM de Ordes



Ordes celebrou o pasado venres un pleno para a segunda aprobación provisional do PXOM, logo das correccións indicadas pola Xunta. O Goberno local, do PP, sacou adiante en solitario as modificacións, ao absterse tanto o BNG como o PSOE. A tenente de alcalde, Ana Soneira, defendeu que a Xunta non cuestionou o PXOM.


Por parte do BNG, amosaron a súa disconformidade co proceder do Goberno local. Segundo o exposto polo seu voceiro Pablo Vidal, as modificacións do PXOM afectan “a 100 núcleos rurais no conxunto do concello, con 282 pacelas que abandonan a delimitación de núcleo rural pasando a solo rústico, e 233 parcelas nas que se recorta a delimitación de núcleo rural”. Con respecto ao ámbito urbano, desde o BNG apuntan que “foron suprimidos tres solos urbanizables, condicionase o desenvolvemento do S-11 de Pardiñas a que sexa declarado de interese autonómico no plan sectorial de ordenación das áreas empresariais de Galicia, e reduciuse a capacidade residencial noutros solos urbanizables”, estimando Vidal que dita redución “condénaos a que sexa inviable economicamente o seu desenvolvemento”.


Para a formación nacionalista, a documentación “segue presentando erros, incongruencias e duplicidades”, o que pode apreciarse segundo apuntan, “nas fichas dos ámbitos de planeamento incorporado, na memoria informativa ou na xustificación da suficiencia das instalacións de saneamento e depuración de augas residuais”.


Desde o BNG acusan ao goberno municipal “de falta de transparencia cara a veciñanza”, o que o seu voceiro Pablo Vidal, exemplifica en “que tivese que ser o BNG quen demandase ter coñecemento e acceso á orde da Xunta de Galiza que non outorgaba a aprobación definitiva do P.X.O.M., de cuxa existencia o alcalde non informou á poboación”.


Deste xeito, o BNG formulou unha abstención á aprobación provisional do P.X.O.M. de Ordes, dado que afirman non comulgar “cos xogos do goberno municipal na tramitación do documento”, considerando que “o alcalde nun primeiro momento escolleu a data para que a resolución chegase despois das eleccións, apurando agora a modificación do documento para dispor do máximo tempo posible ata o 2027, co gallo de xestionar o cabreo dos veciños”.


Resposta do PP

O propio Partido Popular de Ordes saíu en resposta a estas acusacións. Sinalaron que o BNg tivo "sucesivos cambios de criterio" en relación coa tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal que "poñen de manifesto a incongruencia dos nacionalistas locais e as súas dificultades para articular un discurso coherente, logo da súa aposta pola radicalización e a tutela externa á que están sometidos desde as pasadas eleccións municipais". Poñen como exemplo que o BNG acusaba no pasado mandato ao Goberno de "telo agochado no caixón mentres se tramitaban as obrigadas autorizacións sectoriais", mentres que agora "critica a suposta premura que levou este trámite de subsanacións ao Pleno a mediados de agosto" tras non apoiar o documento en febreiro. "Sorprende tamén que o BNG critique en Ordes un calendario de tramitación idéntico ao seguido no Concello de Carballo en 2015 (ano de eleccións municipais), gobernado polos nacionalistas", explican dende o PP, que consideran que para o BNG "o que en Carballo está ben, en Ordes está mal".

"A premura que agora critica o BNG, e que antes demandada, pon de manifesto, tamén, a escasa incidencia das obxeccións formuladas na orde da Xunta de Galicia (datada o 27 de xuño de 2023, hai apenas mes e medio) pola que non se outorgaba a aprobación definitiva ao PXOM de Ordes", engaden.


Con todo, "o grupo municipal do PP mira ao futuro, dando solucións aos intereses xerais de Ordes e dos ordenses", consideran. Deste modo, o PP reitera a súa aposta por un PXOM "que outorgue seguridade xurídica a particulares e empresas para planificar o futuro de Ordes nas próximas dúas décadas, especialmente no referido a construción residencial e á dotación de solo empresarial e industrial nun municipio que conta cunha situación xeográfica e unhas comunicacións privilexiadas que reforzan a súa competitividade".

De acadar a aprobación definitiva logo do trámite de onte, Ordes converterase no primeiro concello de Galicia en contar cun PXOM adaptado á lei do solo de 2016, logo de acadar a aprobación inicial contrareloxo no mes de marzo do ano 2016. Actualmente estanse a tramitar ata 147 PXOM en Galicia, recordan os populares.




Comments


bottom of page