top of page

O PP de Oroso critica que non se convoquen subvencións a entidades deportivas este ano


O portavoz do Partido Popular no Concello de Oroso, Alex Doval, amosou hoxe a súa preocupación pola non convocatoria de subvencións a entidades deportivas e culturais do concello neste ano. Os populares cualificaron de “grave” que xa ben entrado o mes de novembro esta liña de axudas aínda estea sen convocar, tendo en conta que nos pasados exercicios se publicaba no mes de abril, resolvíanse á volta do verán e xustificábanse a finais de ano.


“Moitos dos clubes deportivos e entidades culturais precisan de esta axuda para poder manterse e continuar coas actividades que realizan”, apuntou Doval, que se fai eco do malestar existente entre estas organizacións.


“Esta deixadez é unha nova mostra da incapacidade do equipo de goberno PSOE-BNG de xestionar os trámites ordinarios e recorrentes do concello”, incidiu Doval.


O líder popular aproveitou tamén para valorar positivamente o labor realizado por estas entidades a prol do deporte e a cultura no municipio. Asegurou que o compromiso do Partido Popular de Oroso con estas entidades "é pleno" e prometeu ampliar esta partida se o PP acada o goberno o ano que vén.

Comments


bottom of page