
O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Oroso reclamou hoxe a través do seu portavoz, Alex Doval, que o Goberno Local incremente a partida dos orzamentos que está destinada a financiar a actividade das entidades deportivas da localidade.
Os populares levan a cabo esta demanda despois, dixo Doval, de comprobar como o executivo municipal "leva dous anos consecutivos reducindo a contía que reciben os clubs". “Unha vez máis non se tivo en conta o número de entidades que demandan este tipo de axuda. Con independencia deste feito, o executivo local volveu a repartir un orzamento de 80.000 euros”, dixo o popular, quen subliñou que, nesta ocasión, hai seis clubs a maiores que piden esta subvención e por tanto cada asignación individual é menor.
Ademais, Doval esixiu que a tramitación sexa máis rápida polo carácter “fundamental” destas axudas para o día a día destas entidades. “Non debemos consentir que o procedemento para a obtención das subvencións se dilate desta maneira. Falamos dun diñeiro que é vital para que os clubs poidan facer as súas actividades”, apuntou.
Por último, Doval puxo sobre a mesa a “necesidade” de establecer unhas bases e uns criterios “claros e obxectivos” que, dixo, reduzan ao máximo os “aspectos subxectivos” que determinan a concesión destas axudas. “Os clubs merecen saber con exactitude a que poden aspirar e que diñeiro van recibir”, concluíu Doval.
Comments