top of page

O PP de Oroso reclama beirarrúas en Deixebre



O Partido Popular de Oroso pediu hoxe a través do seu portavoz, Alexander Doval, que o Goberno local acelere a posta en marcha das obras de construción das beirarrúas que unirán a Baxoia con Bouzalonga, na parroquia de Deixebre. Doval lembrou que o PP xa solicitou esta obra no pleno municipal en varias ocasións, logo de que a obra fose incluída entre os traballos a financiar polo Plan de Obras e Servizos provincial de 2019 posto en marcha pola Deputación.


“Falamos dun proxecto que o PSOE prometeu hai dez anos e que, a día de hoxe, non foi nin anunciado aínda na plataforma de contratos do Concello de Oroso, paso previo para poder licitala”, lamentou Doval. O portavoz subliñou igualmente que cun orzamento inicial de 178.070 euros, a construción destas beirarrúas é unha demanda dos veciños da zona que aínda deben transitar por "un tramo que supón un risco para a súa seguridade viaria".


Doval denuncia, a este respecto, o que considera promesas incumpridas por parte do Goberno local de coalición PSdG-PSOE/BNG. "Moitas fotos, sobre todo moitas fotos", acusou o popular.

Do mesmo modo, o líder do PP lembrou que ten solicitado varias veces que se repoñan os sinais informativos do nome do núcleo, tanto na entrada de Bouzanlonga no lado que vén dende A Baxoia como no que vén de Beán (Ordes).

Comments


bottom of page