O actual presidente en funcións da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, foi proposto onte á tarde polo comité provincial do PSOE coruñés como candidato a revalidar a presidencia da institución no vindeiro mandato. A candidatura de Formoso foi aprobada por aclamación.
O secretario provincial, Bernardo Fernández subliñou que os gobernos da Deputación da Coruña presididos polos socialistas nos últimos anos “supuxeron importantes avances” para os municipios da provincia: “hoxe os concellos coruñeses reciben máis fondos e teñen maior autonomía grazas ao Plan Único, apostouse como nunca antes pola creación de emprego e polo benestar social e creáronse novas oportunidades para dinamizar e mellorar a calidade de vida no rural”, afirmou o secretario provincial do PSOE, que destacou que o obxectivo “é seguir avanzando nesa senda de progreso nos vindeiros catro anos”.
Pola súa parte, González Formoso destacou que “hoxe damos un paso máis na consolidación do proxecto que xa leva uns anos mudando esta provincia e a propia institución”, adiantando que “daremos prioridade ás políticas para facer fronte ao reto demográfico”.
Grupo Provincial Socialista
Ademáis da aprobación do candidato á presidencia da Deputación da Coruña, a executiva provincial aprobou tamén por unanimidade os nomes dos dez deputados e deputadas que integrarán o Grupo Provincial Socialista na Deputación da Coruña tras as eleccións municipais do pasado 28 de maio.
“A proposta foi aprobada por unanimidade tras a celebración de reunións dos concelleiros e concelleiras socialistas electos en cada un dos partidos xudiciais da provincia”, explicou Bernardo Fernández, que destacou que “se trata dun equipo de homes e mulleres cohesionado e preparado para gobernar desde o primeiro minuto, cunha ampla experiencia en xestión municipal”.
Os deputados e deputadas provinciais socialistas no vindeiro mandato serán: Valentín González Formoso, alcalde de As Pontes, e Rosa Ana García López, concelleira en Valdoviño, polo partido xudicial de Ferrol; Mónica Ródríguez Ordóñez, alcaldesa de Vimianzo, polo partido xudicial de Corcubión; Antonio Leira Piñeiro, concelleiro en Oroso, e María del Mar García Vidal, concelleira en Negreira polo partido xudicial de Santiago; Bernardo Fernández Piñeiro, alcalde de Pontedeume e secretario provincial do PSdeG-PSOE, polo partido xudicial de Betanzos; José Manuel Lage Tuñas, concelleiro na Coruña; Yoya Neira Fernández, concelleira na Coruña, José Ramón Rioboo Castro, alcalde de Culleredo e Cristina Capelán Cancelo, concelleira en Cerceda, polo partido xudicial da Coruña.
Comments