top of page

O PSOE de Trazo demanda explicacións pola contaminación da área fluvial de Chaián



Logo de que a Dirección Xeral de Saúde da Xunta de Galicia recomende non bañarse na área recreativa de Chaián, no río Tambre, os socialistas da localidade veñen de trasladar unha batería de preguntas sobre esta cuestión ao Goberno local. O secretario xeral do PSdG-PSOE na localidade, Jorge Noya Pereiro, considera que a situación é de moita gravidade por tratarse dunha das zonas máis turísticas do municipio e no comezo da tempada de verán. Acusa ao Concello de non ter dito "absolutamente nada" sobre a contaminación microbiolóxica da zona, cando as análises foron feitas o 17 de maio "e ata houbo un pleno ordinario de por medio”.


Actualmente, segundo os controis microbiolóxicos, as augas da zona de baño de Chaián conteñen unha presenza notable de escherichia coli, unha bacteria que se atopa nos intestinos de persoas e animais, así como da bacteria fecal enterococo intestinal. Da primeira bacteria, os resultados dos análises dan uns resultados de 1.100 NMP/100 ML, e de 340 NMP/100 ML no caso da segunda. O río Furelos de Melide ofrece uns resultados de 270 e 53 respectivamente, fronte aos 180 e 9 da praia de Tapia en Ames.


“Queremos que a alcaldesa nos diga dende cando ten coñecemento desta cuestión e que medidas vai a tomar a cabo para revertela”, sinala Jorge Noya. O socialista afirma que “o Concello tamén debe explicar como se puido chegar a esta situación nunha das áreas naturais máis fermosas do municipio e de se vai avisar á xente ou a poñer cartelería informando de que non está recomendado bañarse na zona”.


Comments


bottom of page