top of page

O PSOE de Trazo denuncia trabas para o labor da oposición


Os socialistas de Trazo fixeron onte público o seu malestar cos "continuos atrasos e dificultades no acceso á información municipal postos por parte da alcaldesa, Josefina Suárez". O grupo municipal do PSdG-PSOE lamentou que o Concello non entregue as actas das Xuntas de Goberno Local aos distintos grupos da corporación local dende o mes de setembro, malia que o prazo máximo legal sexa de 10 días.

A voceira socialista, Beatriz Domínguez, criticou que “as boas palabras de principios de lexislatura quedaron en nada". Domínguez sinalou que "cada vez temos máis problemas á hora de acceder á documentación e estanse a incumprir os acordos plenarios como, por exemplo, a convocatoria da comisión informativa de Servizos Sociais”. Unha situación que “curiosamente se agravou dende que o PP e Somos Trazo asinaron o seu pacto de Goberno do que, por certo, aínda estamos agardando que expliquen en que consiste ese acordo máis aló dun reparto de cartos e sillóns”, engadiu.

Dende o PSdG-PSOE consideran que esta situación "dificulta moito o labor de control do Grupo de Goberno por parte dos grupos da oposición". Para o Partido Socialista, o acordo entre o PP e Somos Trazo baleirou os plenos de contido e a ausencia de actas impide fiscalizar ao Goberno local polo seu labor nunhas Xuntas onde só asisten populares e Somos Trazo.

Os socialistas lembran que o Concello de Trazo xa conta no seu haber cunha condena por obstrucción á actividade dos concelleiros da oposición no exercicio das súas funcións públicas así como por vulnerar os dereitos fundamentais dos concelleiros socialistas, ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo Número 4 da Coruña en setembro de 2015. “Tanto a agora alcaldesa como o seu primeiro tenente de alcalde formaban parte daquel Goberno do Partido Popular e agora que volven dispoñer de maioría absoluta volven ás mesmas malas prácticas de sempre”, lamenta a voceira municipal socialista.

Os socialistas advirten de que levarán a cabo "todas as accións precisas para poñerlle fin a esta situación anormal" e "erradicar o modo en que o Goberno municipal trata aos membros da oposición, cando son lexítimos representantes escollidos polos veciños e veciñas de Trazo".

Comments


bottom of page