top of page

Unhas 200 persoas maniféstanse en Frades para que se cubran as prazas do Centro de Saúde



Preto de dous centos de persoas participaron este mediodía nunha concentración na que se esixiu a mellora da atención primaria en Frades, convocada polo PSOE. Tomaron parte na mesma todos os concelleiros de todos os partidos da corporación local (PP, PSOE e BNG), incluíndo o alcalde, Roberto Rey Martínez (PP). A concentración estivo encabezada por unha pancarta do Concello e outra do Partido Socialista, coas que se reclamaba a cobertura de prazas no centro de saúde, unha por xubilación e a que en breve deixará a médico do consultorio.


O concelleiro de Sanidade de Frades, Manuel Ferreiro Marzoa, lembrou que xa o pasado 5 de xullo trasladou as reclamacións ao conselleiro de Sanidade, á xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza e á directora xeral de Recursos Económicos do Sergas para que se cubran as dúas prazas de médicos. “Esiximos dous médicos en Frades xa”, afirmou. Neste sentido, lembrou que “sabemos que dende a Consellería ofreceron a praza do médico xubilado en Ponte Carreira a estudantes que veñen de rematar o MIR pero que ninguén a colleu e temos o compromiso de que a praza vai saír a concurso no mes de outubro”.


Finalmente, o concelleiro de Sanidade indicou que “nós somos antes concelleiros de Frades que membros dun partido político, polo que sempre estaremos do lado dos veciños e veciñas nas súas xustas reclamacións. Frades necesita cubrir esas prazas de médico e aquí está toda a corporación municipal manifestándose”.



O portavoz do PSOE de Frades, Enrique Astray, reclamou que se cubran de forma urxente as dúas prazas de médicos do municipio. Recordou que Frades leva "mais de dous anos sen pediatra" e cualificou de "interminables" as esperas para unha cita. "Xa non cremos as promesas da Xunta nin do alcalde, levamos moito tempo esperando e reclamamos unha solución urxente", manifestou o portavoz socialista.


A manifestación contou co apoio, entre outros, do voceiro socialista en materia de Sanidade no Parlamento de Galicia, Julio Torrado, do deputado Martín Seco e e do coordinador comarcal do PSOE, Antonio Leira Piñeiros.

コメント


bottom of page