top of page

O SLG esixe que a ampliación da PAC non prexudique ás labregas e labregos galegos

Actualizado: hace 6 días

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) demanda que a recente ampliación do prazo de tramitación da PAC ata o 31 de maio non teña como consecuencia atrasos nos pagos ás persoas produtoras, algo que podería agravar a xa delicada situación económica de moitas explotacións galegas.


Desde o sindicato denuncian que a dixitalización do proceso, implementada nas últimas tres campañas da Política Agraria Común, non conta cun soporte técnico solvente, especialmente no Estado español. “Nin as persoas labregas nin as entidades tramitadoras pedimos nunca a dixitalización da PAC”, sinala Ana Rodríguez, gandeira de vacún e integrante da Dirección Nacional do SLG, quen engade que os erros constantes da aplicación provocan desgastes psicolóxicos nas persoas tramitadoras e restan tempo ao asesoramento adecuado das persoas beneficiarias.


Entre os principais problemas técnicos destacan ralentizacións diarias, caída da aplicación tras horas de traballo, erros nos cálculos da carga gandeira, fallos na consulta de datos do SITRAM, e incidencias coas capas de concentración parcelaria. Tamén denuncian que a complexidade dos datos requeridos —como datas de inicio e fin de cultivo en cada recinto, nun territorio minifundista como Galicia— multiplica o tempo e a dificultade do proceso.


O SLG lembra ademais que a Orde galega da PAC foi publicada o 5 de marzo, semanas despois do inicio do prazo estatal (20 de febreiro), o que engadiu aínda máis complicacións ás entidades tramitadoras galegas respecto a outras comunidades autónomas.


O sindicato esixe ás administracións públicas unha avaliación rigorosa da eficacia real desta dixitalización, tanto desde o punto de vista técnico como en relación ao elevado custo económico das aplicacións empregadas, que consideran “moi caras e de baixa calidade”. E urxe que esta situación non penalice economicamente ás persoas labregas que dependen destes pagos para afrontar créditos, facturas e investimentos imprescindibles para a continuidade das súas granxas.

Comments


bottom of page