O Tribunal de Xustiza da Unión Europea abre a porta ás reclamacións para centos de milleiros de familias con hipotecas vinculadas ao IRPH
- Crónicas da comarca
- 16 dic 2024
- 2 Min. de lectura

A Sala Novena do Tribunal de Xustiza da Unión Europea vén de facer pública unha contundente sentenza a prol dos dereitos do consumidor. O Tribunal delimitou no seu fallo do 12 de decembro as condicións para que as xuízas e xuíces poidan determinar, caso a caso, a nulidade de cláusulas hipotecarias cuxas cotas estivesen calculadas segundo o índice de Referencia de Préstamos Hipotecarios (IRPH), o segundo máis empregado no Estado español logo do euríbor. Faino aclarando e interpretando varios artigos da Directiva 93/13/CEE sobre as cláusulas abusivas nos contratos celebrados con consumidores.
O TXUE considera que non pode presuporse a boa fe das entidades bancarias e que o carácter abusivo das cláusulas hipotecarias debe valorarse individualmente en función das circunstancias propias, como o feito de se o consumidor ou consumidora gozou de información clara, transparente e suficiente arredor do IRPH e o seu impacto sobre as cantidades a pagar. Neste sentido, o feito de que o método de cálculo do índice se publique no Boletín Oficial do Estado non é unha condición suficiente para dar por boa a existencia dun consentimento informado por parte do consumidor.
Por tanto, son revisables e reclamables aquelas cláusulas nas que a entidade bancaria non informase axeitadamente a estas persoas sobre o impacto que nas cantidades a pagar tería a utilización do IRPH como índice de referencia no canto doutros índices, como o euríbor. Cómpre salientar aquí que as hipotecas vinculadas ao IRPH remataron decote sendo máis caras que aquelas onde se tomaba como referencia o euríbor, sen que en moitos casos a persoa que adquire o préstamo fose consciente dese diferencial. Agora, a sentenza do TXUE abre a oportunidade para un millón de consumidores, segundo fontes oficiosas, de reclamar a nulidade desta cláusula por falta de transparencia.
Esta sentenza chega como resposta a unha petición de decisión prexudicial formulada polo Xulgado de Primeira Instancia nº8 de Donosti, Gipuzkoa, no contexto do procedemento fronte a Kutxabank.
Dende Xoán Antón Pérez-Lema Avogados e Consultores quérese sinalar a importancia desta sentenza para milleiros de persoas no Estado español. Convídase a todas as persoas consumidoras afectadas a exercer os seus dereitos e procurar que se avalíe o seu caso de cara a unha eventual reclamación xudicial da nulidade desta cláusula e a restitución de cantidades. O despacho Xoán Antón Pérez-Lema Avogados e Consultores goza dunha dilatada experiencia en resolución de litixios relacionados cos dereitos do consumidor e, nomeadamente, coa neglixencia ou abuso por parte de entidades bancarias.
留言