top of page

O VECIÑO DE OROSO DIEGO CONDE GÓMEZ, NOVO MEMBRO DA ACADEMIA DE CIENCIAS VETERINARIAS DE GALICIA



Diego Conde Gómez (Ourense, 1977) foi elixido académico correspondente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia.

Con esta elección recoñecese o traballo que durante os últimos anos ven realizado Diego Conde a prol da recuperación e divulgación da historia da profesión veterinaria e a da gandería, especialmente no ámbito galego.

Doutor en Veterinaria, conta con máis de 100 publicacións e artigos en diversas revistas e congresos científicos nacionais e internacionais. Ademais, é membro colaborador do Grupo de Investigación de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (HISTAGRA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e fundador da Asociación de Historia Veterinaria Galega (HISVEGA).

Desenvolve o seu labor profesional como Xefe de Grupo de Actuacións e Proxectos na empresa Tragsatec (Grupo Tragsa), con máis de 22 anos de experiencia traballando no ámbito da sanidade animal.

Dende 2018, xa era Académico correspondente da Real Academia de Ciencias Veterinarias de España, co discurso «Cuestiones sobre o malo leite. Achega da profesión veterinaria á mellora hixiénico sanitaria do leite na España contemporánea (1837-1931)».

Ademais deste recoñecemento, conta na seu palmarés co Premio Manuel Murguía de Ensaio que concede a Deputación da Coruña no 2013 co traballo «Canto val unha vaca? Da cuestión agraria á cuestión pecuaria».

No ano 2015 acada o Premio Jesús García Calvo que convocan o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Feiraco, polo libro publicado por Editorial Xerais «Juan Rof Codina. Renovación na veterinaria e gandería galega contemporánea», o cal tamen foi finalista nos Premios da Crítica de Galicia.

No ano 2022, foi o gañador da 38º edición do Premio Nacional Cayetano López y López, un dos galardóns con máis prestixio dentro do ámbito veterinario, polo seu traballo " Caballeros del Campo. La Edad de Plata de la Veterinaria Española (1910-1936)".

Na actualidade, os seus traballos céntranse principalmente en dúas liñas de investigación. En primeiro lugar no proceso de mellora e transformación do gando vacún galego a través da historia e a implicación dos gandeiros en dito proceso. Por outra banda, está recompilando información sobre o papel que xogou a veterinaria nas transformacións que se veñen levado a cabo nas explotacións leiteiras do noso país dende finais do século XIX, a evolución das condicións hixiosanitaria do leite e a importancia que as iniciativas cooperativistas tiveron durante este período.

Comments


bottom of page