top of page

O violinista rumano, e veciño de Oroso Petre Abraham Smeu gaña o Gran Premio no New Hope Grand Prix 2025

O violinista Petre Abraham Smeu, veciño de Oroso, vén de ser galardoado co Gran Premio na sección de violín do prestixioso New Hope Grand Prix 2025, celebrado en Satu-Mare, Romanía.


Este certame nacional de interpretación musical reúne ás promesas máis destacadas da música clásica en Romanía e conta cun xurado composto polos directores das principais orquestras filharmónicas do país, así como por destacadas figuras do ámbito musical.

Ademais do máximo galardón, Smeu recibiu o Premio Especial da Filharmónica Estatal “Dinu Lipatti” e o Premio Especial “Danil Raceu”, recoñecementos que consolidan a súa traxectoria como unha das promesas máis destacadas do violín en Europa.


Grazas a este premio, o violinista terá a oportunidade de actuar como solista convidado en trece concertos durante a tempada 2025–2026, acompañado por algunhas das orquestras máis importantes do país, entre as que se atopan a Filharmónica de Estado "Dinu Lipatti"ou Orquestra de Cámara da Radio Nacional de Bucarest


Este recoñecemento supón un paso máis na brillante carreira de Petre Abraham Smeu, cuxo talento xa o levou a escenarios de toda Europa.


Nado nunha familia de artistas –o seu pai, director de teatro e escritor, e a súa nai, violinista– Smeu comezou a tocar o violín con só catro anos, formándose baixo a tutela de Grigori Nedobora. Desde entón, participou en clases maxistrais con violinistas de renome como Marco Rizzi, Frank Peter Zimmermann, Alena Baeva, Krzysztof Wegrzyn e Mihaela Martin.


Ao longo da súa traxectoria, obtivo importantes premios internacionais, entre eles o Queen Sophie Charlotte Competition en Alemaña (2023) e o Concurso Cidade de Vigo en España (2021). Ademais, foi finalista no Kreutzer Violin Competition en Bélxica (2024).

Con só doce anos, debutou como solista coa Orquesta 430 de Vigo, e dende entón colaborou con formacións como a Real Filharmonía de Galicia e a Orquesta Clásica de Vigo, baixo a batuta de mestres como Víctor Pablo Pérez e Maximino Zumalave.


Foi concertino da Orquesta Xove Sinfónica de Galicia e formou parte de agrupacións como Les Dissonances, a Orquesta Sinfónica de Galicia e a Augsburg Philharmonic Orchestra. Ademais da súa traxectoria como solista, tamén destaca no ámbito da música de cámara, interpretando un repertorio que vai dende Mozart ata Shostakovich.

Actualmente, continúa os seus estudos con Baiba Skride no Leopold-Mozart-Zentrum de Augsburg, logo de formarse na Hochschule für Musik Saar con David Grimal e con Petru Munteanu en Augsburg.

コメント


bottom of page