top of page

Obras de mellora da estrada entre Tordoia e Trazo co apoio da Xunta



O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e os alcaldes de Trazo e Tordoia, Josefina Suárez e Eduardo Antonio Pereiro, visitaron a zona na que se levaron a cabo as obras de mellora da capa de rodaxe na estrada de Viaño Pequeno en Trazo ata o lugar de Campos en Tordoia. Trenor destacou que esta actuación contou cun apoio da Xunta de 50.000 euros e supuxo un investimento total de máis de 245.000 euros. O delegado da Xunta puntualizou que esta obra permitiu mellorar a calidade de vida dos veciños garantindo a seguridade nun tramo de elevado tráfico tanto peonil como rodado. O representante do Goberno autonómico tamén puxo en valor o exemplo de colaboración destes concellos á hora de presentar un proxecto conxunto o que permite aforrar custes e ser máis eficaces no gasto público.

Trenor destacou o compromiso da Xunta por manter o apoio que precisan os municipios para levar a cabo actuacións que contribúan a mellorar a calidade dos seus veciños e, sobre todo, a paliar as consecuencias económicas da crise sanitaria da covid-19 dos municipios en canto á prestación de servizos.

O delegado da Xunta lembrou que a través desta orde de axudas no 2021 se financiaron 13 proxectos en 14 concellos da comarca de Santiago que contaron cunha axuda da Xunta de máis de 434.000 euros e que mobilizaron case 800.000 euros nos concellos de Tordoia-Trazo, O Pino, Ordes, Boqueixón, Negreira, Frades, Val do Dubra, Oroso, Boimorto, Touro, Vedra, Padrón e Rois.


Na visita, Trenor anunciou que o Diario Oficial de Galicia, publicou onte unha nova convocatoria da Orde de Infraestruturas de uso público destinada aos concellos galegos de menos de 30.000 habitantes para mellorar as infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais ao longo do ano 2022, de forma individual ou mediante o sistema de xestión compartida, e na que a Xunta investirá este ano 3,5 millóns de euros. Os concellos interesados teñen un mes de prazo para presentar as súas solicitudes.

Comments


bottom of page