top of page

Ordes e Cerceda, en especial seguimento pola situación COVID



O Comité clínico de expertos que fai seguimento á evolución da COVID-19 en Galicia decidiu que Ordes e Cerceda, malia continuar co mesmo nivel de restricións actual, serán obxecto dunha vixilancia especial por parte do grupo de expertos. O comité levantou na súa xuntanza de onte as restricións especiais nos concellos de Santiago, Ames, Teo, Ourense, Barbadás, Pereiro de Aguiar, Ares e a Estrada; ademais de acordar a incorporación dos municipios da Guarda e as Pontes á listaxe de concellos con medidas especiais.


Tras avaliar a boa evolución epidemiolóxica rexistrada nas áreas perimetrais conformadas por Santiago-Ames-Teo e Ourense-Barbadás-Pereiro de Aguiar, o Comité clínico decidiu diminuír as medidas restritivas nestes concellos, nos que voltarán a ter vixencia as restricións de tipo xeral. Do mesmo xeito, as localidades da Estrada e Ares, tamén verán diminuídas as súas restricións, retornando ao nivel 2 de restricións.


Durante a xuntanza desta tarde, e tras analizar os datos epidemiolóxicos rexistrados nos últimos días nos concellos da Guarda e As Pontes, o grupo de expertos acordou reforzar os seus niveis de restricións, co que pasarán a formar parte da listaxe de 56 concellos galegos con medidas especiais.


Ademais, cómpre salientar que as localidades de Boiro, a Rúa, e a Lama estarán na mesma categoría de vixilancia que Ordes e Cerceda.


Sanidade lembra da obrigatoriedade de cumprir todas medidas establecidas pola Xunta Galicia, co ánimo de mellorar a situación epidemiolóxica na comunidade e así poder ir diminuíndo as restricións vixentes.


Ordes conta actualmente con 18 casos activos, todos eles en illamento domiciliario. Nas últimas horas anunciou tres novos positivos. Case 4 de cada 100 PCR dan un resultado positivo, manténdose nos 141 casos activos por cada 100.000 habitantes a data de hoxe.


En Cerceda, os últimos datos feitos públicos polo Concello a fins do mes pasado indican que había 41 casos activos de COVID-19 hai unha semana. Mantén unha incidencia por riba dos 250 casos por cada 100.000 habitantes.

Comments


bottom of page